Festas infantís: unha morea de graxa, azucre e sal

TerraChaXa
A comida lixo é xa toda unha tradición nas festas de aniversario estando dispoñible en cada unha delas de diversas formas, cores e sabores, e tomando un maior protagonismo nos festexos infantís, xa desde os poucos anos de vida.
Marta Pérez Fandiño
12 sep 2017

A comida lixo é xa toda unha tradición nas festas de aniversario estando dispoñible en cada unha delas de diversas formas, cores e sabores, e tomando un maior protagonismo nos festexos infantís, xa desde os poucos anos de vida. A súa inxestión, pese a parecer ocasional, provoca importantes problemas de saúde como obesidade, diabetes, hipertensión, colesterol ou outras enfermidades nutricionais que poden afectar o cativo co paso dos anos.

Patacas fritidas, gusanitos, pelotazos, salchichas, embutidos, lambetadas, tortas, bolos, roscos e cremas de cacao, ou mellor dito de azucre con aroma a cacao, encabezan as listas dos menús destas festas, acompañadas sempre por cantidades incontroladas de bebidas azucradas, con ou sen gas.

Xa non só é na propia festa na que se enchen os papos dos pequenos con estes produtos insáns, senón que tamén parece de obrigado cumprimento, levar unha gran bolsa de lambetadas a todos os compañeiros da clase no aniversario de cada pequeno.

Moitos defenden que grazas á puntualidade destes festexos a alimentación dos cativos non se ve comprometida, pero o certo e que son máis repetitivos do que a simple vista parece, polo que os seus inconvenientes non deixa a saúde dos nenos indiferente. Por media, unha clase de primaria está composta duns 25 alumnos; se cada un deles leva una bolsa de lambetadas ó ano, a inxestión será de 25 bolsas. A este consumo, débense sumar outras tantas merendas completas de aniversario, compostas nos mellores dos casos de 1/2 porción de torta, un sándwich, un refresco, 5 ou 6 lambetadas e 1 puñado de patacas fritidas ou outros snacks. O total da enerxía consumida polo cativo será 37.325 kcal anuais, o que corresponde ás necesidades enerxéticas completas de 33 días para un rapaz de 8 anos. Se falamos do azucre, no menú anterior estaranse consumindo 4 kg (non sendo recomendado pola OMS un consumo maior de 25 g ó día) polo que a alimentación nestas festas corresponderíase coa inxestión máxima recomendada de 160 días no pequeno de 8 anos. Estes abruptos resultados non inclúen os excesos dos fines de semana, as merendas diarias, as festas de Nadal, o entroido, a Semana Santa ou o resto de aniversarios familiares.

Ó faceres suma destes resultados, pódese comprender máis sinxelamente as taxas de obesidade infantil así coma as enfermidades ocasionadas pola malnutrición, pese a que os días de escola a alimentación sexa algo máis equilibrada.
Por desgracia, os inconvenientes destes festexos non cesan aquí posto que a oferta deste tipo de alimentos crea unha relación de falsa felicidade coa comida lixo “cando é festa e estamos contentos, comemos este tipo de comida”, o que fará que co paso dos anos exista o seguinte problema “cando estou triste, recorro a comida lixo ou doces para sentirme mellor”; lastra que pode acompañar os cativos durante o resto da vida adulta.

A solución non é prohibir ós pequenos a inxestión deste tipo de alimentos nas festas, senón que estes non debe ser ofertados por parte dos proxenitores. A busca de alternativas vistosas pero saudables, é unha boa opción para garantir o contento do anfitrión e dos asistentes. Dentro destas boas opcións atópanse refrescos a base de zumes naturais de froitas ou leite, limoada ou laranxada. De comer, pódese optar por bocadillos de queixo e atún, minipizzas con pan integral, queixo, tomate natural e ourego ou torradas de paté caseiro de pemento, berenxena ou garavanzo. Outras opción que poden estar dispoñibles son boliñas de avea e plátano ó forno, mazá con crema de cacahuete caseira, pinchos de froita e chocolate puro, piruletas de sandía ou xeados de zume e anacos de froita. Para finalizar o menú, pódese seguir ofertando unha porción razoable de tarta, mellor feita na casa e con produtos máis saudables como fariña integral, aceite de oliva e pouca cantidade de azucre.

Marta Pérez Fandiño,
Nutricionista de NutriPasos.

0.19603705406189