Finaliza a reurbanización da praza de América

TerraChaXa
O proxecto, financiado pola Deputación da Coruña, tivo un orzamento de 569.
Praza de america as pontes
10 Feb 2024

O proxecto, financiado pola Deputación da Coruña, tivo un orzamento de 569.608. O obxectivo dos traballos foi a mellora da accesiblidade e funcionalidade do espazo.

As obras de reurbanización da praza de América, un proxecto cun orzamento de 569.608 euros financiado pola Deputación da Coruña, finalizaron esta semana, quedando a praza aberta á veciñanza este venres.

Trátase dun proxecto a través do que o Concello das Pontes buscaba recuperar os valores orixinais da praza; o papel protagonista da escola, a súa relación coas rúas perimetrais e o seu carácter de zona de paseo, permitindo, ao mesmo tempo, a creación dun espazo funcional para toda a veciñanza.

Entre os traballos postos en marcha, a finais do ano 2022, co obxectivo de volver á configuración orixinal da praza, procedeuse á demolición do edificio no que se situaba a biblioteca municipal para, a continuación, proceder ao movemento de terras e establecer dúas alturas, definindo ás rúas perimetrais o relevo interior da nova praza, asimilando as pendentes existentes e establecendo unha única plataforma á mesma cota.

Rematadas estas tarefas, procedeuse á execución da condución das augas pluviais e á execución das canalizacións correspondentes á rede eléctrica. Tras realizar as tarefas de encofrado estendéronse diferentes lousas de formigón sobre as que, posteriormente se colocou o pavimento final, de pedra, e tamén se procedeu á plantación dalgunhas especies arbóreas.

Así, ao nivel da Avenida da Coruña a praza dispón dun espazo diáfano totalmente libre de obstáculos, configurado como unha área para acoller diferentes tipos de eventos mentres que una aliñación de arborado define, sutilmente, o límite entre o espazo da rúa e o ámbito da praza.

No lateral leste, a área que xurde da prolongación do espazo público da rúa Castelao, está concibido como unha ampla ladeira verde mentres que no ámbito intermedio, vencellado coa rúa Ramón Cabanillas, a praza conta cunha zona de paseo protexida do ruído e do tráfico na que se dispoñen recunchos de estancia cun carácter máis intimista, reinterpretando o ‘Paseo dos Americanos’ e está franqueada por unha banda verde que resolve a diferencia de cota.

Tras rematar os traballos de pavimentación final, procedeuse á instalación do alumeado público, dispoñéndose os farois en columnas de alturas variables con proxectores LED, instalándose, así mesmo, a rede de drenaxe e rega e finalmente o mobiliario urbano.

A PRAZA DE AMÉRICA

A praza de América nace da man da construción da escola, o actual CEIP Santa María, no ano 1929 grazas á achega de fondos por parte da Sociedad de Instrucción Naturales del Ayuntamiento de Puentes de García Rodríguez, formada por emigrantes ponteses na Habana. A relevancia que tivo este equipamento foi o xerme de que os terreos situados na súa fronte se configurasen como un dos principais espazos de lecer da vila, constituíndose como unha praza destinada a eventos públicos franqueada pola avenida de Ortigueira (hoxe avenida de Castelao) e a avenida de Coruña.

Co paso do tempo a praza foise transformando. Na década dos 80 tivo lugar un cambio radical na concepción do espazo, realizando unha intervención que supuxo a elevación do espazo en relación coas avenidas perimetrais, aproveitando o desnivel xerado para construír un edificio semisoterrado, utilizado en orixe como Fogar da terceira idade e que ata decembro de 2022 alberga a Biblioteca municipal Enrique Rivera Rouco.

Esta última intervención na praza de América, que modificou a súa natureza orixinal, fixo que saísen á luz unha serie de eivas como a falta de accesibilidade por mor dos desniveis xerados, tanto internamente como con respecto ás vías perimetrais, así como a escasa funcionalidade que ten pola carencia de mobiliario urbano axeitado e a falta de zonas de resgardo fronte ao sol e á choiva, ademais de dispoñer de escasos espazos verdes.

O obxectivo principal da actuación que se está a executar é ordenar o ámbito en termos de funcionalidade, seguridade e accesibilidade atendendo a criterios de calidade ambiental, de eficiencia enerxética e de sustentabilidade.

0.14428400993347