Finalizadas as obras de mellora nas estradas municipais de Abadín

TerraChaXa
Centráronse na vía que conecta o centro de Abadín coa Igrexa de Labrada e chega ata O Outeiro
obras-caminos-abadin
2 Nov 2024

O Concello de Abadín vén de finalizar as obras de mellora no camiño municipal que conecta o centro de Abadín coa Igrexa de Labrada e chega ata O Outeiro. Estas actuacións, realizadas en dúas fases, teñen como obxectivo mellorar a accesibilidade e a seguridade da vía, facilitando así o tránsito para veciños e visitantes.

A obra, a cargo da empresa Cholo, S.L., contou cun orzamento total de 258.298,99 euros e foi deseñada polo enxeñeiro Sergio Daniel Orosa López. Entre os aspectos contemplados no proxecto inclúense actuacións de seguridade, saúde e xestión de residuos, o que garante un impacto positivo e sostible na área.

A obra desenvolveuse en dúas fases, a primeira desde o lugar de Atalaia ata Cabeira, na parroquia de Labrada, cun investimento de 150.543,32  euros, e a segunda consistiu na mellora do acceso ás parcelas agrícolas en Pena do Caldeiro, cun custo de 107.755,67.

Con estas melloras, os camiños locais presentan agora unha pavimentación renovada que promove un acceso máis cómodo e seguro tanto ás zonas agrícolas como ás residenciais, beneficiando directamente a calidade de vida da comunidade de Abadín.

0.19366693496704