Finalizan as obras da ponte sobre o río Chamoselo tras os danos causados polas intensas choivas

O Concello das Pontes vén de concluír as obras de reparación da ponte sobre o río Chamoselo, situada na Pedrafita, na parroquia do Aparral, unha actuación que permitiu recuperar esta conexión viaria tras os importantes danos sufridos a consecuencia das fortes precipitacións rexistradas nos dous últimos anos.
Os traballos supuxeron un investimento de 96.110 euros. O aumento do caudal do río provocara o colapso da ponte existente e dos muros de escollera que protexían a estrada, ocasionando o afundimento da calzada e facendo necesaria unha intervención integral.
A actuación incluíu a demolición da antiga estrutura e a construción dunha nova ponte de formigón armado executada in situ, cunha luz libre de seis metros e un ancho tamén de seis metros. A infraestrutura aséntase sobre novos muros de escollera deseñados para reforzar a súa estabilidade e resistencia fronte a futuras enchentes.
Ademais da reconstrución da ponte, tamén se repuxo o firme da estrada nun treito duns 50 metros, mellorando as condicións de circulación e a durabilidade da vía.
A actuación completarase nos próximos días coa colocación das biondas de seguridade, un último paso que permitirá dar por rematada definitivamente a obra.