Finalizan nas Pontes as obras de mellora no camiño de Aparral entre Cabeza dos Fornos e Casas Ermas

O Concello das Pontes vén de finalizar as obras de mellora do pavimento no camiño que une os lugares de Cabeza dos Fornos e Casas Ermas, na parroquia de Aparral, unha actuación incluída nos plans municipais de mellora de infraestruturas rurais desenvolvidos ao longo deste ano e financiada con cargo á Deputación da Coruña.
A actuación contou cun investimento total de 60.164,08 euros e permitiu renovar a capa de rodaxe dun viario municipal de aproximadamente 900 metros de lonxitude e un ancho medio de 4,20 metros, empregado diariamente tanto por veciñanza como por explotacións agrícolas e gandeiras da zona.
Os traballos executados deron continuidade a intervencións realizadas anteriormente neste mesmo contorno, co obxectivo de completar a mellora dun eixo de comunicación importante entre parroquias e garantir unhas condicións de circulación máis seguras e confortables.
As obras centráronse principalmente na renovación integral da superficie de rodaxe moi deteriorada polo paso do tempo, o tráfico e as condicións de humidade e sombra características da zona. O firme presentaba deformacións nos bordos, blandóns, fochas e cunetas colmatadas, situacións que dificultaban a circulación e o correcto drenaxe da vía.
Entre os traballos realizados inclúense a limpeza xeral de cunetas e noiros, a roza de vexetación nos bordos do camiño, o acondicionamento das beiravías e o reforzo dos bordos deteriorados. Ademais, levouse a cabo o rebacheo do firme existente e a aplicación dunha nova capa de aglomerado en quente de cinco centímetros de espesor.
A intervención completouse coa limpeza das gabias existentes e coa renovación da sinalización horizontal, incluíndo o marcado dos bordos da vía e o pintado das zonas de stop.