Finsa e USC impulsan un proxecto para mellorar o proceso de transformación da madeira

TerraChaXa | LugoXa
Lugo acolleu a presentacion da Unidade Mixta Economía Circular da madeira cara unha construción baixo-enerxética (Eixo), na que participan a empresa madereira Finsa e a Universidade de Santiago de Compostela, a través da Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural (Pemade).
18 sep 2019

Lugo acolleu a presentacion da Unidade Mixta Economía Circular da madeira cara unha construción baixo-enerxética (Eixo), na que participan a empresa madereira Finsa e a Universidade de Santiago de Compostela, a través da Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural (Pemade).

Esta alianza estratéxica entre empresa e universidade conta cun orzamento total de 2,15 millóns de euros de investimento público-privado, cofinanciado a través do programa Feder Galicia 2014-2020, para desenvolver oito liñas de investigación no período 2018-2021 enfocadas a desenvolver modelos de economía circular vencellados ao sector forestal, mellorando os procesos de transformación da madeira e desenvolvendo novidosos produtos (produtos ecoinnovadores de altas prestacións en madeira) e sistemas construtivos de baixa pegada de carbono para a súa aplicación nunha construción eficiente enerxeticamente.

As liñas de investigación desta Unidade Mixta achegarán valor e contribuirán a un modelo de construción limpo e respectuoso co medio ambiente, a través da transferencia dos resultados da investigación á industria, aportando innovacións e desenvolvementos tecnolóxicos en toda a cadea de valor do sector forestal: dende a obtención da madeira no monte, a súa transformación, valorización, integración en elementos estruturais para a construción, ata a reciclaxe dos materiais ao final da súa vida útil.

Eixo vén sumarse ás 39 Unidades Mixtas que se teñen creado desde 2014 en Galicia, nas que, cun investimento mobilizado de 114M€, participan 33 empresas e 13 organismos de investigación, que teñen empregado a preto de 580 profesionais.

As Unidades Mixtas son alianzas estratéxicas entre organismos de investigación e o tecido empresarial para desenvolver a través da colaboración público-privada proxectos de I+D+i aliñados cos retos e prioridades da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia, RIS3 Galicia.

0.10435199737549