Firmado o convenio para a nova área de ocio de Outeiro de Rei

TerraChaXa | LugoXa
A nova área localizarase nunha parcela de 2.688 m2 e contará con dúas piscinas ao aire libre e un centro para bicicletas de montaña
firma convenio area recreativa outeiro de rei
21 Xuño 2022

A nova área localizarase nunha parcela de 2.688 m2 e contará con dúas piscinas ao aire libre e un centro para bicicletas de montaña.

A Xunta e o Concello de Outeiro de Rei investirán algo máis de 1,1 M€ na habilitación dunha nova área de ocio no marco do plan Hurbe, segundo anunciou hoxe a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, logo de asinar o convenio de colaboración co alcalde, José Pardo.

A nova área localizarase nunha parcela de 2.688 m2, nas inmediacións de Santa Isabel, e contará con dúas piscinas ao aire libre unha de uso infantil e outra para adultos, e un centro para bicicletas de montaña. A maiores, construirase unha edificación polivalente, que podería albergar unha cafetería, e haberá zonas destinadas a usos complementarios. A Xunta achegará o 70% do orzamento previsto e o concello o 30% restante.

Durante a súa intervención, Ángeles Vázquez, que estivo acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, incidiu en que esta nova colaboración entre Xunta e Concello fai posible que as obras das futuras instalacións se vaian licitar ao longo deste ano e se leven a cabo en 2023 e lembrou que, na última década, o Goberno galego cooperou xa no financiamento de máis de 360 intervencións urbanísticas en decenas de concellos cun investimento global que supera os 155 millóns de euros.

Nesa liña, o proxecto presentado en Outeiro de Rei enmárcase no plan Hurbe, unha iniciativa posta en marcha pola Xunta no ano 2010 co fin de axudar ás entidades locais a executar actuacións destinadas a crear, mellorar e integrar coa contorna espazos de uso público e equipamentos urbanos.

Neste sentido, cómpre subliñar que o Goberno galego mantén o seu compromiso á hora de brindar apoio aos concellos para promover proxectos que contribúan a dinamizar as vilas galegas e mellorar a calidade de vida da veciñanza. De feito, este ano ten reservada unha partida orzamentaria de 7 millóns de euros para este obxectivo.

Ademais, 2022 está a ser un ano clave na rehabilitación, xa que Galicia dispón de máis fondos que nunca para a recuperación do xa construído e a posta en valor das vilas e dos centros históricos.

0.088597059249878