Formoso defende o "gran proxecto industrial" que se perfila nas Pontes logo da compra de Einsa por parte da Xunta

O alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, asegurou hoxe que “con firmeza, seriedade e discreción vanse dando pasos cara á consolidación dun gran proxecto industrial”, tras coñecerse a adquisición por parte da Xunta de Galicia das instalacións de Einsa, unha das maiores naves industriais de Galicia, con máis de 110.000 metros cadrados de superficie, destinadas a albergar un gran centro de produción industrial.
O alcalde das Pontes destacou que este importante avance é “o froito de meses de intenso traballo, esforzo, discreción e coordinación entre administracións”, un labor conxunto que permitiu dar un paso de gran valor estratéxico para o futuro industrial do municipio.
“Estamos ante un fito para As Pontes e para Galicia. O feito de que estas instalacións pasen a ser de titularidade pública constitúe unha garantía de futuro e unha oportunidade para consolidar un proxecto industrial de gran dimensión”, sinalou o rexedor.
Así mesmo, quixo recoñecer expresamente o traballo realizado pola Xunta de Galicia, personificado no seu presidente, Alfonso Rueda, e na conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, así como nos seus respectivos equipos.
“Quero agradecer a implicación, o compromiso e o enorme esforzo realizado durante todos estes meses, deixándose a pel para facer posible este avance. É o resultado dun traballo constante, rigoroso e coordinado, no que todas as administracións implicadas souberon remar na mesma dirección”, destacou o alcalde.
O rexedor explicou que esta adquisición constitúe a primeira fase dun proxecto industrial de gran envergadura, impulsado de forma coordinada entre a Xunta de Galicia, o Goberno de España e o Concello das Pontes, co obxectivo de favorecer a implantación dunha iniciativa estratéxica para o municipio.
Na actualidade, os equipos de Xestur, da Oficina Económica da Xunta e os servizos municipais de Industria e Urbanismo do Concello das Pontes continúan traballando de maneira coordinada en todos os aspectos técnicos e administrativos necesarios para facer posible unha implantación industrial destas características.
O Concello das Pontes considera que este avance supón un fito decisivo na estratexia de reindustrialización do municipio e pon de manifesto que o esforzo compartido, a colaboración institucional e o compromiso co futuro das Pontes están a dar resultados.