Formoso supervisa as obras das instalacións deportivas do Poboado das Veigas

TerraChaXa
Visitou no Poboado das Veigas as melloras da galería cuberta do campo de tiro con arco, e a bancada cuberta do campo de herba artificial Evaristo Puentes
formoso-obras-campo-de-tiro
28 Ago 2024

O alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, acompañado da concelleira de deportes, Elena López, visitou as instalacións deportivas do Poboado das Veigas para comprobar de primeira man o estado das obras da galería cuberta do campo de tiro con arco, e da bancada cuberta do campo de herba artificial Evaristo Puentes.

A galería cuberta das actuais instalacións do campo de tiro con arco trátase dunha obra adxudicada a Huso 29 Estudios y Construcciones S.L. cun orzamento de 211.000 euros, e con cargo a fondos propios. A nova instalación localízase no extremo final da actual zona de tiro para, deste xeito, investir o sentido da mesma e evitar que á luz do atardecer afecte á visibilidade dos arqueiros.

Trátase dunha nave cuberta e pechada, que servirá de almacén para os parapetos das dianas e outros útiles de tiro e cuxa cuberta se prolongará catro metros para xerar un soportal onde poder adestrar, ao aire libre, completamente protexidos das as condicións meteorolóxicas adversas.

Estase a construír tamén unha nova soleira que servirá como liña de tiro exterior para poder organizar competicións oficiais, localizada a 90 metros da zona cuberta que existe na actualidade.

Tras visitar o estado desta obra, o alcalde das Pontes, Valentín González Formoso amosábase satisfeito con esta mellora nas instalacións do campo de tiro con arco “que vén a reforzar a un club como Sílex, que está en continua evolución e crecemento; unha entidade que é unha auténtica escola de campións e campioas, da que xurdiron grandes arqueiros como Miguel Alvariño, que representou a España nos Xogos Olímpicos de 2016, ou Daniel Castro, olímpico en Tokio 2020. ”.

Por outra banda, a bancada cuberta do campo de herba artificial Evaristo Puentes foi adxudicada á empresa Construcciones Guerreiro Somozas S.L. cun orzamento de 97.913 euros, con cargo a fondos municipais.

Esta nova bancada sitúase no lateral noroeste do campo, centrada na metade do mesmo, ocupando o espazo libre existente entre o campo e o peche vexetal que separa as instalacións deportivas da Ronda do Poboado.

Esta nova bancada, ademais de albergar 168 localidades, cubrirá os dous metros de ancho de beirarrúa existente que separará a bancada do campo de xogo, ofrecendo maior protección aos espectadores que acudan ao campo a gozar das competicións deportivas.

Segundo declaraba o alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, “esta obra permitirá dar resposta á demanda dos clubs deportivos da vila que empregan esta instalación, xa que son máis de 500 deportistas os que fan uso deste campo durante a temporada; así como ás demandas dos espectadores que, cada fin de semana, se achegan ata o campo Evaristo Puentes para gozar de diferentes competicións deportivas sen ter que sufrir as consecuencias das inclemencias meteorolóxicas, dunha forma cómoda e axeitada”.

0.18360090255737