Friol acolle dous cursos sobre manexo da oficina virtual da gandaría
A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, celebrará en Friol dous cursos sobre os aspectos básicos de manexo da Oficina Virtual de Gandaría e da sede electrónica. Celebraranse os días 11 e 12 de novembro no Edificio Multiusos en horario de tarde, 15:30 a 20:30 horas.
O obxectivo destas accións formativas é ofrecer uns coñecementos básicos do funcionamento e manexo desta oficina virtual, centrándose na aprendizaxe da xestión de trámites habituais e necesarios no sector gandeiro.
Así, abordaranse aspectos como solicitar guías por internet, levar o libro electrónico da explotación, dar altas e baixas de animais, solicitar duplicados de crotais ou do documento de identificación bovina, autorizar un remolque ou ter ATES, un sistema de codificación unificado para o rexistro de transportistas de animais vivos. Tamén se tratará o pagamento de taxas dende o ordenador, a descarga da carta de saneamento e outros documentos de interese para os gandeiros. Así mesmo, no programa destaca a parte práctica posto que se destinará a maior carga lectiva ao manexo práctico da Oficina Virtual de Gandaría e da Sede electrónica.
Para máis información, as persoas interesadas poden consultar a páxina web da Oficina virtual do medio rural (https://ovmediorural.xunta.gal/es/consultas-publicas/acciones-formativas), onde poden descargar o formulario de inscrición que deberá ser enviado ao correo oac.svo.lugo@xunta.gal. Poden obter máis información no teléfono 636 978 586.