Friol acolle este sábado a XII Carreira Popular con participación para todas as idades

O Concello de Friol organiza este sábado, 2 de maio, a XII edición da Carreira Popular Concello de Friol, unha cita xa consolidada no calendario deportivo local que reunirá a corredores de todas as idades nunha xornada marcada polo deporte e a convivencia.
A proba desenvolverase na Praza do Concello e contará con dous grandes bloques de competición. A partir das 17.15 horas terán lugar as categorías infantís, co obxectivo de fomentar a participación dos máis novos e o espírito deportivo desde idades temperás. Posteriormente, ás 18.00 horas, disputarase a categoría absoluta cunha carreira de 5 quilómetros, aberta a participantes de diferentes niveis.
A inscrición para a proba pode realizarse a través da web www.championchipnorte.com
, onde as persoas interesadas atoparán toda a información necesaria para formalizar a súa participación.
O evento está organizado polo Concello de Friol e conta coa colaboración do Club Atletismo Friol, entidades que traballan conxuntamente para promover hábitos de vida saudables e dinamizar a actividade deportiva no municipio.
O alcalde, José A. Santos, anima a veciños e visitantes a achegarse e gozar dunha xornada deportiva e festiva, apoiando aos participantes e contribuíndo ao ambiente que caracteriza esta carreira popular.