Friol acolle este sábado unha nova xornada de cine rural

TerraChaXa | LugoXa
As Xornadas de Cine Rural de Friol continúan este sábado coa seguinte proxeccción.
xornadas cine rural friol
29 Feb 2024

As Xornadas de Cine Rural de Friol continúan este sábado coa seguinte proxeccción.

Durante os meses de febreiro e marzo o concello de Friol poderá desfrutar de catro tardes de sábado de cine, grazas ás Xornadas de Cine Rural que o concello organiza en colaboración co Departamento de Pedagoxía e Didáctica da USC, representado neste caso polo veciño de Friol Suso Rodríguez.

Estas xornadas comezaron o 17 de febreiro, e continuarán o 2, 9 e 16 de marzo, dando comezo todas elas ás 18.00 horas, no salón de actos do Centro Sociocultural.

Na primeira das xornadas, o sábado 17 de febreiro, viuse o documental Cóntame un Mundo, traballo gravado en Friol, no mes de xullo do pasado ano, cos veciños e veciñas.

Na segunda xornada, o sábado 2 de marzo, proxectarase O toxo na nosa cultura, documental no que, grazas ao seu testemuño, podemos entender o proceso de traballo arredor do toxo, que comprendía dende a súa recollida no monte ata o seu procesado nos fogares, onde servía para quentar as cociñas e fornos pero tamén para o sustento e cama do gando.

Durante a terceira xornada, o 9 de marzo, visualizarase Os segadores da Órrea en terras de Castela, documental que recolle o testemuño de trinta e un veciños da parroquia da Órrea, que se desprazaban nos meses do verán a Castela para realizar traballos de sega; unha migración de tempada que miles de galegos protagonizaron ao longo de trescentos anos e que perdurou ata os anos 60 do século XX.

E para rematar con estas xornadas de Cine Rural, o sábado 16 de marzo, proxectarase O Empalme. Unha historia rural colectiva, documental dun marcado carácter intimista, que realiza un percorrido pola historia dun dos barrios de Cabreiros, o barrio do Empalme. No contido deste traballo audiovisual pode contemplarse como era o xeito de vida de hai 50 anos dun barrio claramente rural. Entre os aspectos especialmente presentes encóntrase o desenvolvemento das actividades agrarias, as profesións de moitos dos seus veciños e veciñas e as actividades lúdicas comúns no seu vivir diario, así como a súa íntima relación coa vida laboral, a familia, a escola...

O alcalde popular, Jose Ángel Santos, sinalou a importancia de esta iniciativa "para continuar apoiando a cultura e levando a cabo iniciativas que axuden a promover a vida social e cultural dun concello rural como é Friol”. Coa proxección de estes catro documentais, sinala, “que tanto teñen que ver con calquera concello do interior de Galicia, axudamos tamén aos mais novos a ver como se facían antes certos traballos, e ás persoas non tan novas, a recordar o que foi parte da súa vida e da súa xuventude".

0.19254088401794