Friol acolle este venres unha xornada sobre o relevo de negocios e a axuda Bono Remuda Xeracional

LugoXa | TerraChaXa
O encontro, gratuíto e aberto a persoas interesadas en coller o relevo dun negocio ou traspasar a súa empresa, incluirá experiencias reais, asesoramento especializado e un café de networking
curo-polo-emprego-friol
3 Sep 2026

O Polo de emprendemento e apoio ao emprego de Friol organizará este venres, 4 de setembro, unha xornada dedicada ao relevo dos negocios e ás posibilidades que ofrece o Bono Remuda Xeracional para facilitar a continuidade da actividade empresarial.

A sesión, titulada Relevo nos negocios: compartindo experiencias de remuda, desenvolverase entre as 10.00 e as 12.00 horas nas instalacións do Polo de Friol, situadas na rúa Deputación, número 18, primeira planta.

A actividade está dirixida tanto a persoas que estean pensando en asumir o relevo dun negocio como a aquelas que teñan previsto traspasar a súa empresa. Durante a xornada poderán coñecer de primeira man as características da axuda Bono Remuda Xeracional, así como resolver dúbidas con xestorías especializadas.

O programa incluirá tamén o testemuño de persoas que xa viviron un proceso de remuda empresarial, co obxectivo de achegar experiencias prácticas e coñecer as dificultades e oportunidades asociadas á continuidade dun negocio.

A xornada rematará cun café de networking, pensado para favorecer o contacto entre as persoas participantes, compartir experiencias e xerar novas oportunidades de colaboración.

O encontro é gratuíto e busca contribuír á continuidade do tecido empresarial galego, facilitando información e ferramentas para afrontar os procesos de sucesión e traspaso de negocios. A iniciativa está organizada polo Polo de emprendemento e apoio ao emprego de Friol, no marco da Rede de Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego.

0.15729308128357