Friol acolle un encontro co sector gandeiro para analizar os retos de futuro

O Concello de Friol celebrará este venres, 20 de novembro, un encontro co sector gandeiro que contará coa participación de Adrián Vázquez, eurodeputado no Parlamento Europeo, co obxectivo de analizar os principais desafíos aos que se enfronta o campo e coñecer de primeira man as preocupacións dos profesionais do sector.
A xornada servirá para abordar cuestións de especial relevancia para o futuro das explotacións gandeiras, como o futuro da Política Agraria Común (PAC), as axudas e subvencións europeas, o denominado Decreto Ómnibus III da Comisión Europea, as inspeccións ás explotacións, o caderno dixital, os problemas relacionados coa base territorial e a seguridade alimentaria.
O encontro pretende ser un espazo aberto de información, diálogo e participación, no que os gandeiros e gandeiras de Friol poidan trasladar as súas inquedanzas, formular preguntas e compartir propostas directamente cun representante galego nas institucións europeas.
O alcalde de Friol, José Ángel Santos, será o encargado de presentar o encontro e destaca a importancia de achegar as institucións europeas ao territorio e de que a voz do rural e dos seus profesionais estea presente nos debates nos que se decide o futuro do sector.
«O sector gandeiro é unha peza fundamental da economía, do emprego e da identidade de Friol. Necesitamos coñecer que decisións se están tomando en Europa, pero tamén que os nosos gandeiros teñan a oportunidade de expresar directamente as súas preocupacións e defender os intereses das explotacións», sinala o alcalde.
A convocatoria terá lugar ás 12:30 horas no Centro Sociocultural de Friol e está aberta á participación de todos os profesionais do sector e das persoas interesadas no futuro do campo.