Friol acolle un obradoiro de emprendemento no seu polo
O Polo de emprendemento e apoio ao emprego de Friol organiza un ciclo de xornadas formativas para apoiar ás persoas emprendedoras na mellora das súas habilidades de xestión.
Esta primeira sesión, que se celebra este martes, día 6 de febreiro, está adicada ás necesidades de investimento e financiamento da empresa e ten como obxectivos coñecer como calcular as necesidades de investimento da empresa; coñecer as fontes de financiamento básicas dunha empresa; coñecer o que é o balance contable, como se fai e como se interpreta, e coñecer os ratios fundamentais.
As tres accións que comprende este ciclo formativo son as necesidades de inversión e financiamento da empresa, como calcular a rendibilidade da empresa e a xestión da tesourería e negociación bancaria.
O Polo de emprendemento e apoio ao emprego de Friol está situado na rúa Deputación 18, 1º andar. O horario deste curso será de 9.30 a 13.30 horas.