Friol acollerá este domingo o espectáculo familiar 'Superharte' no Parque Rosalía de Castro

LugoXa | TerraChaXa
O espectáculo está concibido para conquistar ao público de todas as idades cun formato dinámico e participativo
superjarte-patty-diphusa
25 Jul 2026

O Concello de Friol ofrecerá este domingo 26 de xullo unha nova proposta cultural pensada para o público familiar coa representación do espectáculo Superharte, protagonizado pola artista Patty Diphusa. A actuación celebrarase ás 19.00 horas no Parque Rosalía de Castro e será de acceso libre.

A iniciativa forma parte da programación cultural impulsada polo Concello e pretende ofrecer unha tarde de lecer para nenos, nenas e familias a través dun espectáculo no que o humor, a participación do público e as habilidades circenses serán os grandes protagonistas.

Segundo avanzou a organización, Superharte presenta a unha pequena artista que tentará, literalmente, chegar o máis alto posible facendo uso de todas as súas habilidades. Durante a actuación combinará baile, acrobacias, escalada, xogos con globos e diferentes números nos que mesmo se introducirá dentro deles, nunha proposta cargada de comicidade e interacción cos asistentes.

O espectáculo está concibido para conquistar ao público de todas as idades cun formato dinámico e participativo, no que Patty Diphusa mestura o teatro físico, a expresión corporal e o humor para crear unha experiencia divertida e sorprendente.

Desde o Concello de Friol animan á veciñanza e aos visitantes a achegarse este domingo ao Parque Rosalía de Castro para desfrutar desta actividade gratuíta, incluída na programación cultural do verán e pensada para fomentar o lecer familiar e a participación cidadá.

0.1213550567627