Friol acollerá o 14 de xuño unha andaina solidaria a beneficio da Asociación Española Contra o Cancro

LugoXa | TerraChaXa
As persoas participantes poderán escoller entre unha andaina clásica de 8 quilómetros, outra de 15 quilómetros e un percorrido sendeirista de 25 quilómetros
presentacion-andaina-solidaria-friol
5 Jun 2026

O Concello de Friol acolleu hoxe a presentación oficial da gran xornada deportiva que se celebrará o vindeiro 14 de xuño, nun acto presidido polo alcalde, José Ángel Santos, e polo presidente da Asociación Española Contra o Cancro en Lugo, Jose Manuel Rozas. Ambos destacaron a importancia desta iniciativa para promover os hábitos saudables, a práctica deportiva e a participación cidadá nun evento que combina deporte, natureza e solidariedade.

Na presentación tamén estiveron presentes Gracia Rodríguez e Juan Carlos Castro, representantes de Marcha Nórdica Lugo.

A cita reunirá participantes de diferentes idades e niveis nunha xornada pensada para desfrutar do exercicio físico ao aire libre e da contorna natural do municipio.

A programación incluirá varias modalidades adaptadas aos distintos perfís de participantes. Na disciplina de marcha nórdica, os asistentes poderán escoller entre percorridos de 8, 16 e 25 quilómetros A distancia de 25 km forma parte da "Liga Ibérica de Senderismo" e da "Liga Galega de Andainas", computando a participación das persoas federadas que completen o recorrido dentro do tempo establecido. Ademais, celebrarase unha andaina popular de 8, 16 ou 25 quilómetros, aberta a todas aquelas persoas que desexen participar nunha experiencia deportiva accesible e saudable.

Durante a presentación, José Ángel Santos salientou a aposta do Concello por organizar actividades que fomenten a práctica deportiva e contribúan a dinamizar o municipio, ao tempo que poñen en valor o patrimonio natural e paisaxístico de Friol. Pola súa banda, Jose Manuel Rozas destacou a importancia de promover iniciativas que favorezan hábitos de vida saudables e que axuden a sensibilizar á sociedade sobre a prevención e a loita contra o cancro.

As inscricións están dispoñibles desde 10 euros e permanecerán abertas ata o 11 de xuño, último día para formalizar a participación. A organización agarda unha importante afluencia de deportistas e afeccionados ao sendeirismo procedentes de diferentes puntos de Galicia.

Desde o Concello de Friol e a Asociación Española Contra o Cancro en Lugo animan á cidadanía a sumarse a esta iniciativa, que converterá o municipio nun punto de encontro para os amantes da actividade física, a natureza e a convivencia.

Friol prepárase así para recibir centos de participantes nunha auténtica festa do deporte, a saúde e o lecer ao aire libre.

0.10622787475586