Friol acollerá o 17 de xuño a V Xuntanza do Servizo de Atención Temperá

A agrupación dos concellos de Friol, Palas de Rei, Guntín, Begonte e Rábade permite a prestación do Servizo de Atención Temperá, un recurso destinado a nenos e nenas de entre 0 e 6 anos, ás súas familias e ao seu contorno máis próximo. O obxectivo é ofrecer unha resposta temperá ás necesidades transitorias ou permanentes da infancia que presenta trastornos no desenvolvemento ou que se atopa en situación de risco de padecelos.
A unidade está integrada por un equipo multidisciplinar formado por profesionais da logopedia, enfermaría, psicoloxía e terapia ocupacional. Estes especialistas desenvolven unha intervención coordinada, tanto interdisciplinar como transdisciplinar, en colaboración co servizo de Pediatría do SERGAS, abordando aspectos relacionados co ámbito emocional, psicomotor, da linguaxe e da comunicación dos menores.
Aínda que o servizo presta atención nos municipios de Guntín, Begonte, Rábade, Palas de Rei e Friol, a sede da unidade atópase neste último concello. A iniciativa busca garantir un servizo prioritario e de calidade para a infancia e para a poboación residente no medio rural.
Co fin de compartir experiencias e poñer en valor o traballo realizado durante o curso, o próximo 17 de xuño celebrarase a “V Xuntanza de Atención Temperá”. O evento terá lugar ás 17:00 horas no Parque Rosalía de Castro de Friol e converterase nun espazo de convivencia para familias, profesionais e participantes.
Durante a tarde desenvolveranse diferentes actividades lúdicas, entre as que se inclúen xogos, talleres de maquillaxe facial, colchonetas e unha merenda. Ademais, a xornada contará cun dos momentos máis emotivos coa entrega de diplomas aos nenos e nenas que este ano finalizan a súa etapa no programa de Atención Temperá.