Friol acollerá o sábado unha nova cita da Transgalaica MTB Series

O municipio de Friol converterase o vindeiro 26 de abril nun dos epicentros do ciclismo de montaña en Galicia coa celebración dunha nova proba da Transgalaica MTB Series, unha das competicións de referencia do calendario galego de XCM. A cita dará comezo ás 9:30 horas e reunirá a numerosos afeccionados e deportistas nunha xornada marcada pola natureza, a esixencia física e a emoción do deporte.
Esta proba forma parte do circuíto Transgalaica, que arrancou o pasado 1 de marzo en Ames e que culminará no mes de xuño en Cotobade, consolidándose como un dos campionatos máis destacados do noroeste peninsular. A competición de Friol será a cuarta parada deste percorrido, considerado clave dentro do calendario do BTT galego.
A Transgalaica conta cunha traxectoria de 20 anos ininterrompidos desde a súa creación en 2006 en Gondomar, converténdose ao longo deste tempo nun auténtico referente para o desenvolvemento do ciclismo de montaña. Ao longo destas dúas décadas, o circuíto serviu de plataforma para a formación e consolidación de numerosos campións galegos nesta disciplina.
A organización destaca que esta proba en Friol ofrecerá un percorrido atractivo e esixente, no que se combinarán tramos técnicos e paisaxes naturais, permitindo aos participantes vivir unha experiencia completa de deporte e contacto co entorno. Agárdase, ademais, unha importante presenza de público, que poderá gozar dunha xornada única arredor do MTB.