Friol celebrará o sábado 27 a X edición da Carreira Popular

TerraChaXa | LugoXa
Este martes tivo lugar a presentación oficial na casa consistorial da décima edición da carreira popular.
carreira popular friol presentacion
17 Abr 2024

Este martes tivo lugar a presentación oficial na casa consistorial da décima edición da carreira popular. Será no mes de abril, como as últimas edicións.

A presentación estivo presidida polo alcalde, José A. Santos, acompañado da delegada de Alcaldía, Mª Ángeles Buján, a presidenta do Club de Atletismo, Asunción Franco, e o concelleiro de Deportes, Adestrador do Club de Atletismo Friol e Director do C.P.I. Doutor López Suárez, Felipe Barata.

Esta nova edición da carreira popular en Friol terá lugar o sábado 27 de abril, con saída na Praza de España (diante do Concello). Haberá dúas categorías: a de menores que comezará ás 17:15 horas e seis distancias diferentes (100, 300, 400, 2100 e dúas de 1400 metros), e a absoluta, que terá como hora de inicio ás 18:00 horas e conta con dez categorías.

O recorrido da categoría absoluta será de cinco quilómetros, que se inicia na Praza de España, continúa pola Avenida de Lugo, ao pasar a gasolineira, estrada dirección Ousá ata a rotonda, onde se toma a circunvalación dirección Friol, Rúa Santa Isabel ata enlazar coa Avenida de Lugo, e á altura do colexio dáselle unha volta ao mesmo para entrar na meta.
A entrega de premios será sobre as 19:00 horas diante da casa consistorial.

Esta celebración deportiva xa é característica do Concello de Friol, pois debido ao éxito das anteriores edicións e ao aumento de público e participantes en cada nova edición, o Concello de Friol, continuará involucrándose tanto económica como organizativamente para poder repetir cada ano probas deportivas de este tipo.

O alcalde, José Á. Santos, manifesta que “dende o Concello de Friol continuamos apoiando as actividades deportivas, e en este caso toca celebrar unha nova edición da carreira popular, que xa imos pola décima edición, e que esperamos sexa tan boa ou mellor que as anteriores”, ademais quere recalcar que “vendo a implicación que hai dende o centro escolar público de Friol, o seu alumnado, as súas familias, o seu director, e o centro en xeral, cremos que se deben seguir apoiando e fomentando este tipo de actividades, imprescindibles para crear unha sociedade saudable”. Dende o Equipo de Goberno queren agradecer ao Club de Atletismo de Friol, e a Felipe Barata, a súa implicación en cada evento deportivo do muicipio e tamén os animan a que continúen na mesma liña de traballo de carácter deportivo que veñen exercendo durante todos estes anos.

0.19430899620056