Friol destina preto de 350.000 euros á mellora de nove vías e accesos municipais

LugoXa | TerraChaXa
As actuacións, financiadas con cargo ao Plan Provincial Único de Cooperación cos Concellos 2026, permitirán mellorar accesos, firmes e camiños municipais en distintas parroquias
obras-accesos-friol
1 Jul 2026

O Concello de Friol vén de adxudicar os contratos para a execución de nove importantes actuacións de mellora da rede viaria municipal, cun investimento global próximo aos 350.000 euros financiados con cargo ao Plan Provincial Único de Cooperación cos Concellos (Plan Único) 2026. As obras permitirán actuar en diferentes parroquias do municipio mediante traballos de pavimentación, mellora de firmes, hormigonado de vías e acondicionamento dun camiño agrícola, co obxectivo de reforzar as infraestruturas locais e garantir comunicacións máis seguras e cómodas para a veciñanza.

Entre as actuacións previstas figura a pavimentación do acceso ao núcleo de Cotá, cun investimento de preto de 36.000 euros. Tamén se acometerá a pavimentación dos accesos aos núcleos de Santa Marta, O Vento e Pereira, na parroquia de Vilalvite, por un importe superior aos 47.000 euros. A estas obras súmase a pavimentación dos accesos ao núcleo de Mazcarelle, na parroquia de Ousá, cun orzamento de máis de 48.000 euros, así como a pavimentación do núcleo de Lagouzos, na parroquia de Cotá, cun investimento próximo aos 42.000 euros. Estas catro actuacións foron adxudicadas á empresa Construcciones Cholo, S.L.

Por outra banda, tamén se levarán a cabo varias actuacións centradas na mellora de firmes. Entre elas atópase a mellora do firme dos accesos ao núcleo rural de Xiá, cun investimento próximo aos 30.000 euros. Ademais, executarase a mellora dos accesos de Enxeito e Carballo, cun importe superior aos 39.000 euros, e a mellora do firme do acceso a Guldriz de Arriba e os seus ramais, cun orzamento que supera os 48.000 euros. A estas actuacións engádese o hormigonado do acceso ao lugar de Arriba, na parroquia de Condes, cun investimento de arredor de 14.000 euros. Estas catro obras foron adxudicadas á empresa Construcciones Jesús y Páramo, S.L.

A novena actuación prevista consistirá na mellora do camiño agrícola que comunica os núcleos de Prado e Casanova. Esta intervención contará cun investimento próximo aos 40.000 euros e será executada pola empresa Jesús Fidel Amil Casal.

Segundo explica o Concello, estas actuacións responden á necesidade de reparar vías municipais que presentaban un avanzado estado de deterioro debido ao uso continuado, ao tránsito de maquinaria agrícola e forestal, ás condicións meteorolóxicas e ao paso do tempo. Co desenvolvemento destes traballos mellorarase de forma notable a seguridade viaria, a accesibilidade e a funcionalidade dos camiños afectados, evitando ademais que continúe o seu deterioro.

O alcalde de Friol, José Ángel Santos, destacou que “seguimos dando pasos firmes para continuar mellorando as infraestruturas municipais e ofrecer uns servizos públicos de maior calidade á nosa veciñanza. Somos un concello cunha extensa rede de camiños e estradas municipais, polo que o seu mantemento require un esforzo constante e unha planificación continua”.

O rexedor sinalou tamén que “estas nove actuacións supoñen un investimento moi importante que permitirá mellorar os accesos en distintas parroquias do municipio, facilitando o día a día dos veciños e veciñas, incrementando a seguridade na circulación e contribuíndo a fixar poboación no noso rural. Cada euro que investimos na conservación das nosas infraestruturas repercute directamente na calidade de vida da nosa xente”.

José Ángel Santos concluíu asegurando que “desde o Goberno municipal continuaremos aproveitando todas as oportunidades de financiamento que poñan á nosa disposición outras administracións para seguir modernizando Friol, porque o noso compromiso é traballar todos os días para que os veciños e veciñas dispoñan dun concello cada vez mellor comunicado, máis accesible e con mellores servizos”.

0.11711001396179