Friol é o concello que máis axudas recibiu dirixidas a mellorar explotacións
Un total de 98 agricultores e gandeiros da provincia de Lugo propietarios de pequenas explotacións recibiron achegas da Consellería do Medio Rural para mellorar o seu rendemento.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, subliñou que a axuda consiste nunha prima de 15.000 euros a cada beneficiario, e concédese pola aplicación dun plan empresarial que terá unha duración de 18 meses orientado a incrementar o rendemento global da explotación.
En conxunto, explicou Balseiro, as axudas na provincia suman 1.470.000 euros, sendo os concellos con maior número de beneficiarios os de Friol (11 gandeiros e 165.000 euros), e Láncara e Samos (cadanseu con 8 beneficiarios e 120.000 euros de investimento total).
A mellora do rendemento global pode referirse ao incremento da produtividade e do aproveitamento económico, pero tamén á introdución de medidas de carácter medioambiental, que melloren as condicións de hixiene e benestar animal, ou as condicións de traballo do titular da explotación.
Os beneficiarios deste programa de axudas son titulares de pequenas explotacións agrarias cunha que antigüidade mínima dun ano, e comprométense a manter a actividade durante os os cinco anos posteriores ao pagamento da subvención.
Prímanse explotación que teñan como orientación produtiva principal a hortícola, frutícola, florícola, apícola, vacún de carne e ovino ou cabrún. Tamén explotacións gandeiras de razas autóctonas galegas en perigo de extinción.
Igualmente, téñense en conta outros criterios como a localización da explotación -zonas de montaña con máis dificultades para o desenvolvemento destes proxectos-, a utilización de métodos ecolóxicos ou os investimentos en proxectos innovadores, entre outros.