Friol fará un centro colaborativo para empresas e autónomos

TerraChaXa
O Concello de Friol vén de destinar un investimento duns 300.
centro_friol
16 Maio 2019

O Concello de Friol vén de destinar un investimento duns 300.000 euros para a posta en funcionamento dun centro colaborativo na localidade cuxo obxecto é poñer ao dispor de toda a poboación do municipio, tanto particulares como asociacións, emprendedores, entidades de economía social, mancomunidades, servizos municipais, etc…, un espazo, con locais suficientes para a prestación de servizos, tanto no ámbito da economía social como a formación, e con puntos de acceso TIC, de forma que se poidan suplir certas deficiencias que neste sentido ten aínda algunhas parroquias do municipio e que se tratará de liquidar no menor tempo posible.

Nestes momentos este proxecto atópase en período de licitación de concurso público para ser adxudicado e comezar as obras no segundo semestre de 2019. Para a súa execución prevese contar cunha axuda da Agader, dependente da Consellería do Medio Rural, e dentro do marco do Programa de Desenvolvemento Rural 2014-2020, en concreto a través do Programa Leader, por importe de 160.000 euros.

O centro colaborativo situarase no solar onde está actualmente o edificio do PAI e no solar que actualmente está baleiro de edificacións e que colinda co recentemente rehabilitado Centro Socio Cultural, pretendendo que entre ambos os locais póidase dar cobertura a todas as necesidades demandadas por parte dos veciños para dinamizar o noso municipio, con todo tipo de actividades culturais e recreativas así como ofrecer servizos á poboación en xeral. "Trátase dun proxecto importante para todos os veciños, pois ata o momento, todos os locais de titularidade municipal resultaban escasos tanto para a demanda solicitada como para as ofertas que o Concello pode brindar aos seus veciños. Para esta actuación será precisa a demolición do actual edificio dedicado a PAI - o cal será trasladado ás súas novas dependencias cuxa finalización é inminente- contando este novo centro dunha superficie útil de 156 m2, nunha soa planta con dúas zonas claramente diferenciadas, unha de formación e outra de usos xerais", explica o alcalde, José Ángel Santos.

0.11080002784729