Friol participa desde mañá nun proxecto pioneiro para manter viva a memoria do rural

TerraChaXa | LugoXa
Este verán chega a Friol, único da provincia en participar, a xira Cóntame un mundo para manter viva a cultura e a memoria do medio rural
contame un mundo proxecto friol portada
contame un mundo proxecto friol portada
17 Xul 2023

Este martes chega a Friol o proxecto Cóntame un mundo. Un percorrido no que catro narradoras orais galegas xiran polas vilas e aldeas de oito concellos para escoitar e recoller as historias de vida acontecidas nas rúas, camiños, prazas e lugares memorables de cada poboación. Unha iniciativa que nace coa intención, segundo explicou a equipa de Cóntame un mundo, de “preservar e gardar para o futuro unha parte do patrimonio inmaterial da nosa cultura, é dicir, aquelas historias transmitidas oralmente de xeración en xeración”.

En Friol, único concello da provincia que participa no proxecto, a xira comeza mañá 18 de xullo, ás 12.30, no salón de actos do Concello cunha sesión de Contacontos, foro e recollida de historias ca rapazada do lugar. Pola tarde, ás 17.30 terá lugar o Obradoiro Contamos o noso mundo, no Local Colaborativo, para compartir historias de Friol. As narradoras avisan: "Traede fotos antigas que teñades; do cine, da sala de festas, vosas de pequenos e pequenas, todo o que queirades".

Ao día seguinte, o mércores 19, ás 11h no centro de día de Friol, terá lugar o Contacontos, foro e recollida de historias cas persoas maiores, unha das actividades máis importantes para garantizar a pervivenza de historias, lendas e mitos da zona.

Coa idea de poñer en común a información das actividades anteriores e seguir recollendo historias, o 20, ás 19.30h no paseo fluvial, na baixada pola Casa do Grande de Friol, realizarase o Encontro da palabra para toda a veciñanza. Alí, nun ambiente festivo con petiscos, música e contos, segundo nos din as narradoras "recuperarase o espazo público para a xente e crearase o diálogo entre as vellas e as novas tecnoloxias, se traedes as vosas fotografías antigas en papel ou no móbil".

Para pechar a xira en Friol, o sábado, ás 11.30h, realizarase o Roteiro da memoria, unha pequena andaina con saída da Praza Andón Cebreiro de Friol que teatralizará resumidamente algunhas das historias máis relevantes de Friol, percorrendo os lugares nos que sucederon aquelas historias.

Cóntame un mundo: o proxecto e o concepto

Durante os meses de xuño, xullo e agosto, a equipa de Cóntame un mundo, integrado polas narradoras Alba de Vales, Carmen Domech, Olga Abad e Raquel Queizás, promoverá máis de 40 actividades e encontros entre as protagonistas deste proxecto, a veciñanza de cada un dos 8 concellos participantes: A Baña, Boborás, Dodro, Friol, Rois, San Cristovo de Cea, Touro e Vilarmaior, todas elas localidades de menos de cinco mil habitantes. A xira realízase en zonas pouco poboadas, onde pervive unha cultura enraizada ca natureza, cas tradicións e cos coñecementos ancestrais. Búscase compartir historias, reais ou imaxinarias, que manteñan viva a memoria de oficios e formas de organizarse “case” extinguidas, de ritos que marcaron a nosa historia ou de seres que habitaron o territorio.

contame un mundo proxecto friol
0.18363094329834