Friol remata e reabre os parques infantís Rosalía de Castro e Félix Rodríguez de la Fuente tras ser renovados

O Concello de Friol completou a renovación dos parques infantís Rosalía de Castro e Félix Rodríguez de la Fuente, dous espazos que xa están novamente á disposición das familias e dos máis pequenos.
O alcalde de Friol, José Ángel Santos Sánchez, destacou a importancia da actuación e sinalou que a inauguración contou coa presenza de nenos e nenas, aos que definiu como «os que realmente lle dan vida a estes espazos». O rexedor celebrou poder comprobar como os menores comezaron a desfrutar dos novos xogos e das instalacións.
Santos Sánchez agradeceu tamén a presenza do delegado da Xunta de Galicia en Lugo, Alfonso Villares, así como o apoio do Goberno galego, que a través da Consellería do Medio Rural financiou parte da renovación dos parques.
O alcalde subliñou que esta actuación responde ao obxectivo de seguir mellorando os espazos públicos do municipio e poñer o foco nas familias. «Cando facemos unha actuación coma esta, pensamos nas familias, nos máis pequenos e en seguir mellorando os espazos onde vivimos e desfrutamos do noso día a día», afirmou.
Tras a renovación, os dous parques dispoñen de novos equipamentos e zonas de xogo, que xa comezaron a ser utilizados polos nenos e nenas. O alcalde asegurou que o Concello continuará traballando para «facer do noso concello un lugar cada día mellor».
«Hoxe tocaba inaugurar. A partir de agora, toca xogar!», sinalou Santos Sánchez con motivo da apertura dos renovados espazos infantís.