Friol reunirá ao mellor gando vacún de carne na súa XIII Feira con 2.000 euros en premios

LugoXa | TerraChaXa
A cita celebrarase o 23 de agosto no mercado municipal, contará cun concurso de Rubia Galega, exhibición de razas autóctonas en perigo de extinción e busca poñer en valor o papel da gandería no desenvolvemento do rural
presentación-Feira-de-Gando-vacún-Friol-26
12 Aug 2026

Friol volverá converterse o vindeiro 23 de agosto nun punto de encontro para o sector gandeiro coa celebración da XIII Feira de Gando Vacún de Carne, unha cita xa consolidada no calendario local que servirá para poñer en valor a calidade das explotacións, o traballo dos profesionais do campo e a importancia da gandería na economía do municipio.

A feira desenvolverase desde as 10.00 horas no mercado municipal de Friol, onde os asistentes poderán contemplar exemplares de gran nivel, especialmente da raza Rubia Galega, protagonista habitual desta xornada. O programa rematará coa entrega dos premios aos mellores exemplares e lotes participantes.

A presentación da nova edición contou coa participación do alcalde de Friol, José Ángel Santos, representantes da corporación municipal e gandeiros das explotacións que tomarán parte no certame.

Concurso de Rubia Galega e 2.000 euros en premios

Un dos principais atractivos da feira será o concurso de exemplares da raza Rubia Galega, que establecerá diferentes categorías segundo a idade e o sexo dos animais. Competirán machos e femias menores de oito meses, machos de entre oito e dezaoito meses, femias de entre oito e vinte e catro meses, ademais das categorías de vacas e touros.

En cada unha delas concederanse premios de 150 euros para o primeiro clasificado, 100 euros para o segundo e 50 euros para o terceiro, acompañados dos correspondentes trofeos. Ademais, a organización entregará un premio especial de 200 euros á gandaría que presente o mellor lote de gando da feira.

En total, repartiranse 2.000 euros en premios, aos que se sumarán as primas de asistencia destinadas ás explotacións participantes, co obxectivo de favorecer unha ampla representación de animais e ofrecer ao público unha mostra da diversidade e calidade do gando vacún de carne criado en Galicia.

Presenza de razas autóctonas galegas

A feira volverá reservar un espazo destacado para as denominadas “morenas”, un conxunto de razas bovinas autóctonas galegas que se atopan en perigo de extinción. Os visitantes poderán coñecer exemplares das razas Cachena, Caldelá, Limiá e Frieiresa.

A presenza destes animais permitirá divulgar o seu valor xenético e patrimonial, así como contribuír á conservación dun legado gandeiro único en Galicia.

José Ángel Santos: “A gandería é presente e futuro para Friol”

O alcalde de Friol, José Ángel Santos, destacou durante a presentación o peso que segue tendo o sector gandeiro no municipio e a necesidade de apoiar ás persoas que manteñen viva esta actividade.

“A gandería segue a ser un dos sectores máis importantes do noso concello e o sustento, ou unha parte fundamental da economía, de moitas familias de Friol. Temos unha gran tradición gandeira e queremos que esa tradición teña futuro”, sinalou.

O rexedor subliñou que esta feira vai moito máis alá da competición entre animais, xa que permite visibilizar o traballo diario das explotacións. “Esta feira permítenos poñer en valor o esforzo dos nosos gandeiros e gandeiras, dar a coñecer a calidade do gando que se cría en Friol e mostrar todo o traballo e os coidados que hai detrás de cada animal. Tamén é unha maneira de defender o medio rural e reivindicar un sector que forma parte da identidade do noso concello”, afirmou.

José Ángel Santos animou á veciñanza e ás persoas que visiten a comarca durante o verán a achegarse ao mercado municipal para desfrutar dunha xornada dedicada ao mundo gandeiro e coñecer de preto algúns dos mellores exemplares de vacún de carne de Galicia.

0.12681889533997