Friol revivirá o pasado castrexo e romano coa celebración do VIII Friulio os días 9 e 10 de maio

LugoXa | TerraChaXa
Máis de 500 participantes e 30 asociacións darán vida a unha fin de semana chea de recreación histórica, música e actividades culturais
Presentación-Friulio-2026
29 Apr 2026

O Concello de Friol e a Asociación de Recreación Histórica A Castronela impulsan unha nova edición do Friulio, o encontro entre asociacións castrexas e romanas que converterá a vila nun gran escenario histórico durante a fin de semana do 9 e 10 de maio. A cita conta coa colaboración da Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia.

Nesta oitava edición volverán participar agrupacións chegadas de diferentes puntos de Galicia e tamén doutras comunidades de España, entidades habituais en eventos de relevancia turística e cultural como o Arde Lucus ou as Guerras Cántabras. En total, o VIII Friulio reunirá máis de 30 asociacións de recreación histórica, música tradicional e divulgación cultural, ademais da colaboración das entidades culturais friolesas.

A organización estima a participación directa de máis de 500 persoas entre figurantes e outras funcións ligadas ao desenvolvemento da festa. As principais actividades concentraranse arredor do paseo fluvial, onde se instalarán o asentamento castrexo-galaico e o campamento romano, dous dos grandes atractivos do evento. Ambos espazos poderán visitarse desde as 11:00 horas do sábado ata as 20:00 horas do domingo.

O programa inclúe recreacións da vida nun castro, elaboración tradicional de pan e queixo, desfiles de tropas romanas, demostracións e obradoiros de tear castrexo, fiado, textil e complementos, tiro con arco, xogos populares, gastronomía castrexa e exposición de torques. Na área romana haberá tamén obradoiros de medicina, cuñado de moedas e comercio.

Entre os actos máis agardados volverá destacar o Asedio ao Castro, unha representación do ataque das tropas romanas aos poboados existentes nas terras de Friol. Tamén regresarán citas consolidadas como a Escaramuza Castrexo-Romana e o Descenso en balsa do río Narla, previstas para o sábado pola tarde, así como a Liorta polo Tesouro do Castro, que terá lugar o domingo pola mañá.

Como novidade desta edición, tras anos celebrando as Vodas Galaicas, incorporarase un acto de benvida aos máis novos, descendentes daqueles enlaces simbólicos. Esta actividade celebrarase o domingo pola mañá e evidencia o crecente protagonismo do público infantil na festa.

As propostas desenvolveranse en distintos puntos da vila, entre eles as inmediacións do centro urbano e do paseo fluvial, a avenida de Santiago e a praza de Andón Cebreiro. Ademais, o Concello convoca de novo o concurso de escaparatismo e fachadas entre establecementos e balcóns particulares, cuxos premios se entregarán no acto de clausura do domingo ao mediodía.

Nesa mesma cerimonia terá lugar outro momento destacado co nomeamento de Carlos Veiga, exdirector do Colexio Público Integrado de Friol, como Persoeiro de Honra deste VIII Friulio.

A música tamén volverá ocupar un lugar protagonista coa actuación de grupos folk como Xesta Verde, Tympana Gallaica, Son de Lugh, Bloco Meigallo ou a Asociación Cultural Xermolos de Guitiriz. Na noite do sábado subirán ao escenario as formacións La Karaband e Clandestinos.

 

0.11935091018677