Fruga demanda unha actualización das indemnizacións por sacrificio de animais

TerraChaXa
A Federación Rural Galega - Fruga, demanda das administracións competentes que se faga unha actualización dos importes que se perciben polo sacrifico de animais, derivados da erradicación das enfermidades suxeitas a programas estatais sanitarios.
9 Mar 2020

A Federación Rural Galega - Fruga, demanda das administracións competentes que se faga unha actualización dos importes que se perciben polo sacrifico de animais, derivados da erradicación das enfermidades suxeitas a programas estatais sanitarios.

"Observamos como en Galicia se teñen sacrificado un importante número de animais, como consecuencia da aplicación dos novos protocolos para erradicación da tuberculose bovina. O resultado foi que mais do 90% tiveron a consideración de falsos positivos, xa que unha vez sacrificados ao se lle realizar as probas postmorten o resultado foi que non estaban infectados pola tuberculose bovina, mas ao sufrir reaccións nas de probas de saneamento feitas na propia gandería, e en aplicación da normativa obríganche a matalos, cando eran animais totalmente sans".

Todo tipo de indemnización ten que cubrir as perdas que sufre a explotación, "co cal é preciso pagar os animais polo seu valor real, e ao mesmo tempo aplicar con maior rotundidade o lucro cesante, que en moitos casos soamente se ten en conta cando falamos de baleirado sanitario (sacrificio de todos os animais da explotación)", aclaran.

Afirman tamén que moitas ganderías teñen subscrita unha póliza de Agroseguro, que cubre a maioría das baixas da explotación, incluídas as derivadas do saneamento gandeiro. "Pólizas que se ven gravadas ao comunicar incidencias. Se temos en conta que mais do 90% dos animais sacrificados en Galicia son falsos positivos, e moitos deles indemnizados polo propio seguro do gandeiro, esta situación trae como consecuencia que ao proceder a renovar a póliza esta vaise ver gravada por importantes recargos".

Desde Fruga entenden que non é o titular da explotación que ten que abonar este incremento no importe do seguro, ao se tratar dun falso positivo, que o titular da explotación non é o responsable do seu diagnostico, nin do seu sacrificio.

"As indemnizacións por sacrificio levan moito tempo sen ser revisadas, polo que desde a Fruga reclamamos das administracións competentes se proceda a súa actualización acorde cos valores reais de mercado, así como que se teña en conta o lucro cesante que se produce nas explotacións como consecuencia do sacrificio de unha parte importante do seu capital produtivo, como é o gado", conclúen.

0.16978478431702