Fruga invita a profesionalizar o sector agropecuario
En Bruxelas vense de chegar ao acordo sobre o Marco Financeiro Plurianual da Unión Europea e sobre o Fondo de Recuperación para facer fronte á situación creada pola pandemia. Segundo informacións publicadas os fondos destinados ao sector agropecuario baixan de 383.000 millóns de euros para 336.444 millóns de euros.
Así o orzamento do primeiro piar, destinado ao apoio directo ás rendas, vaise ver rebaixado pasando dos 286.143 millóns de euros aos 258.600, o que supón unha rebaixa de 9,63%, e o segundo piar, o do desenvolvemento rural, tamén se verá afectado por unha rebaixa que oscila entre o 19,7 por cento e o 11,2%.
Segundo explica Fruga, "actualmente os pagos da PAC seguen a beneficiar a un importante número de destinatarios que non teñen a actividade agropecuaria como actividade principal. Así o 80% das axudas da PAC son cobradas soamente polo 20% dos e das beneficiarias, pola contra o 80% de beneficiarias téñense que conformar co 20% do orzamento, unha distribución a todas luces inxusta. Sendo o Estado español o segundo estado da UE que mais orzamento recibe das axudas da PAC após o estado francés, resulta que o importe dos apoios que reciben as explotacións galegas son dos mais baixos de toda a UE e isto é debido a que o Estado español sempre priorizou, no criterio de reparto, aos grandes propietarios, moitos deles absentistas, e que, na maior parte dos casos, non se dedican profesionalmente á actividade agropecuaria".
Na Fruga manteñen que os apoios do primeiro piar da PAC (axudas directas á actividade agrogandeira) teñen de ir dirixidos a aquelas persoas que teñen a actividade agrícola e gandeira como actividade principal, é dicir aquelas persoas que cando menos obteñan o 50% da súa renda da actividade agraria exercida na súa explotación, e que o tempo dedicado a actividades non relacionadas coa súa explotación sexa inferior á metade do seu tempo de traballo total, co fin de evitar que as axudas acaben nas maos de especuladores e entidades que nada teñen a ver coa nosa profesión.
Neste contesto de recortes nos orzamentos dedicados á actividade agraria por parte da Política Agraria Común (PAC), parece aínda mais evidente a necesidade de que estes vaian destinados exclusivamente a aquelas persoas que viven e traballan profesionalmente das actividades agrarias e gandeiras, e non se debe esquecer que moitos e moitas profesionais agrarios non receben ningún apoio dos orzamentos da PAC, por exemplo a maioría de quen na Galiza se dedica a horta ou a viticultura. Situación que o novo Plano Estratéxico ten de solucionar.