Gadis entrega 48.700 kilos de produtos a 11 bancos de alimentos
A xenerosidade e solidariedade dos clientes de Supermercados Gadis permitiron reunir 48.700 quilogramos de produtos en 196 puntos de venda de Galicia e Castela e León. Os destinatarios desta doazón son 11 bancos de alimentos de ambas as comunidades autónomas cos que a cadea colabora de forma habitual.
Gadis agradece o significativo xesto dos seus clientes en favor dos colectivos máis vulnerables, especialmente ante a complexa situación actual. Esta recollida de produtos realizouse dentro dunha atípica campaña Maio Solidario, sen voluntarios, debido, precisamente, ás estritas normas de protección implantadas en todos os puntos de venda.
Os bancos de alimentos Rías Altas (A Coruña, Ferrol e Santiago), Lugo, Ourense, Vigo, Ávila, León, Palencia, Ponferrada, Salamanca, Valladolid e Zamora son os beneficiarios desta entrega que, desde a sede central da compañía en Betanzos, distribúese ás diferentes entidades que atenden a máis de 100.000 persoas e colaboran con máis de 800 organizacións sociais.
Por oitavo ano consecutivo, a tradicional campaña de recollida de alimentos Maio Solidario estivo en marcha entre o 11 e o 31 de maio. Previamente e, debido ás perentorias necesidades detectadas por estas once entidades sociais, Gadis optou por adiantarse e realizar unha doazón propia de 30.000 quilos de alimentos non perecedoiros o pasado mes de abril.
Máis doazóns 2020
Tamén se doaron máis de 25.000 kg a outras asociacións, ONG´s e bancos de alimentos en iniciativas postas en marcha en diferentes zonas de Galicia e Castela e León durante estes meses.
Gadis desenvolve habitualmente un importante plan de Responsabilidade Social Corporativa, cuxas accións se intensificaron nas últimas semanas con motivo das especiais circunstancias que atravesamos.
Balance Maio Solidario 2013-2020
Desde que en 2013, Supermercados Gadis lanzou a campaña Maio Solidario no marco do seu programa de Responsabilidade Social Corporativa, grazas á xenerosidade dos seus clientes, a implicación dos traballadores e as achegas realizadas pola compañía, entregáronse máis de 1 millón de quilogramos de alimentos.