Galicia acollerá en 2020 a VI edición da feira Unvex centrada en sistemas non tripulados de uso civil

TerraChaXa
A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, anunciou a celebración en Galicia en 2020 da sexta edición do evento Unvex, un foro centrado en sistemas non tripulados en España e Latinoamérica, organizado pola editorial IDS, especializada en información sobre mercados e industrias tecnolóxicas e editora de medios dixitais como Infodron, Infodefensa e Infoespacial.
8 Maio 2019

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, anunciou a celebración en Galicia en 2020 da sexta edición do evento Unvex, un foro centrado en sistemas non tripulados en España e Latinoamérica, organizado pola editorial IDS, especializada en información sobre mercados e industrias tecnolóxicas e editora de medios dixitais como Infodron, Infodefensa e Infoespacial. Na presentación interviu tamén o director da feira e CEO de IDS, Ángel Macho. O evento celebrarase en Santiago de Compostela e o Polo aeroespacial de Rozas do 16 ao 18 de xuño de 2020, co patrocinio da Xunta de Galicia.

Argerey fixo este anuncio no marco da feira XPONENTIAL 2019, a principal cita internacional no ámbito da industria dos drons, que tivo lugar en Chicago do 30 de abril ao 2 de maio, á que asistiu a Xunta con empresas e centros tecnolóxicos que participan no Polo aeroespacial de Galicia co obxectivo de xerar novas oportunidades de negocio aos axentes implicados na iniciativa, contribuír a posicionar Galicia como un polo de referencia internacional no segmento dos vehículos non tripulados para uso civil.

Unvex 2020: centrado nos servizos públicos

Nesta edición, o evento estará centrado nun mercado emerxente, o dos servizos públicos, xa que cada vez máis as administracións demandan solucións tecnolóxicas e eficientes para ofrecer mellores servizos aos cidadáns en ámbitos como a protección do medioambiente, a vixilancia costeira, o rescate, as emerxencias, saúde e seguridade, infraestruturas ou acceso a áreas remotas, entre outros. Neste eido, Galicia é pioneira a nivel europeo no lanzamento dunha iniciativa estratéxica para atraer investimento cara o sector aeroespacial e desenvolver un Polo tecnolóxico e industrial arredor dos sistemas e vehículos non tripulados, co obxectivo último de responder a retos actuais do sector público optimizando a prestación dos servizos á cidadanía, empregando a ferramenta da Compra Pública Innovadora (CPI).

Unvex 2020 persegue impulsar o uso de vehículos non tripulados para usos civís. Ofrecerá a posibilidade de escoitar a opinión de expertos que exporán as perspectivas de mercado, tecnoloxías e experiencias, así como debater sobre regulación e seguridade.

Dirixido a fabricantes, desenvolvedores de solucións, provedores de servizos e público xeral, o foro incluirá un programa de conferencias con conferencias, debates e comunicacións técnicas para abordar todos os aspectos da aplicación de drons nos servizos públicos; unha área de exhibición para presentar todo tipo de equipamentos, sistemas ou servizos; demostracións de plataformas e sistemas no Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas (CIAR); e un programa de conferencias dirixido a prescritores e público xeral para difundir coñecemento e as posibilidades tecnolóxicas dos sistemas non tripulados para os cidadáns. Na anterior edición, en 2018, Unvex reuniu 4.676 profesionais durante os tres días e 3.597 visitantes.

0.19979906082153