Galicia fronte á calor e aos incendios

Durante décadas, Galicia viviu coa percepción de ser un refuxio climático dentro da Península Ibérica. Mentres o sur de España soportaba temperaturas superiores aos 40 graos e longos períodos de seca, o noroeste conservaba unha imaxe ligada á humidade, ás precipitacións frecuentes e aos veráns moderados. Porén, esa realidade leva anos cambiando e o verán de 2026 converteuse nun dos exemplos máis claros de que o clima galego tamén está a transformarse.
As ondas de calor deixaron de ser episodios excepcionais para converterse nun fenómeno recorrente, con temperaturas que chegan antes, duran máis días e afectan a territorios onde historicamente apenas se rexistraban valores extremos. Os datos recompilados por organismos como o Servizo de Cambio Climático Copernicus (C3S), a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), MeteoGalicia ou a Organización Meteorolóxica Mundial (OMM) apuntan na mesma dirección: Europa quéntase a un ritmo moi superior á media mundial e a Península Ibérica figura entre as rexións máis vulnerables a este proceso.

XUÑO 2026: MES HISTÓRICO
O primeiro gran aviso chegou antes mesmo de iniciarse oficialmente o verán. Segundo o Servizo de Cambio Climático de Copernicus, implementado polo Centro Europeo de Previsións Meteorolóxicas a Medio Prazo (ECMWF), xuño de 2026 foi o mes de xuño máis cálido xamais observado en Europa occidental.
A temperatura media alcanzou os 20,74 graos, situándose 3,06 graos por riba da media do período 1991-2020. O dato supera incluso os rexistros de xuño de 2025 e do histórico verán de 2003, dous anos que ata agora representaban algúns dos episodios de calor máis intensos vividos no continente europeo.
No conxunto de Europa, xuño foi o segundo máis cálido desde que existen rexistros da serie ERA5, mentres que a nivel mundial ocupou tamén os primeiros postos históricos. Para a comunidade científica, estes datos non representan unha simple anomalía meteorolóxica, senón unha mostra máis dunha tendencia de quecemento sostido que se vén acelerando durante as últimas décadas.
En España, a situación foi igualmente excepcional. A AEMET cualificou xuño como o segundo máis cálido desde o inicio da serie histórica en 1961, cunha temperatura media peninsular de 23,3 graos, é dicir, 3,2 graos por enriba da media climática. Ademais, foi o terceiro xuño máis seco da serie, cunhas precipitacións que apenas alcanzaron o 39 % do habitual.
A propia AEMET chama a atención sobre un dato especialmente significativo: dos 15 meses de xuño máis cálidos rexistrados en España, 13 pertencen ao século XXI. Un indicador que evidencia que o incremento das temperaturas xa non responde a episodios illados, senón a unha tendencia consolidada.
A comunidade galega tampouco escapou desta situación. Aínda que as temperaturas extremas adoitan asociarse ás zonas interiores da Península, durante xuño e xullo boa parte de Galicia encadeou varios episodios de calor intenso que obrigaron á activación de avisos por altas temperaturas.
A Xunta de Galicia, a través de MeteoGalicia, Protección Civil e a Consellería de Sanidade, mantivo activo o Plan de actuación fronte aos posibles efectos das altas temperaturas sobre a saúde, coordinando avisos preventivos especialmente dirixidos á poboación máis vulnerable: persoas maiores, nenos pequenos, embarazadas e pacientes con enfermidades crónicas.
En paralelo, MeteoGalicia foi emitindo sucesivos avisos amarelos e laranxas en diferentes comarcas, especialmente nas provincias de Ourense e Lugo, onde as masas de aire cálido procedentes do norte de África provocaron valores pouco habituais para estas datas.
As catro capitais galegas rexistraron durante este verán temperaturas moi superiores ás habituais. Ourense volveu situarse como a cidade máis calorosa de Galicia, superando amplamente os 40 graos durante varios episodios, mentres Lugo, Santiago e A Coruña tamén alcanzaron máximas que, hai apenas dúas décadas, resultaban extraordinarias para estas cidades, pero hoxe estes rexistros comezan a repetirse con maior frecuencia.
Se xuño marcou un punto de inflexión, xullo confirmou que as altas temperaturas deixaran de ser un episodio puntual. O interior galego volveu concentrar os rexistros máis elevados da comunidade, con Ourense alcanzando os 42,5 graos, un dos valores máis altos do ano e moi próximo aos récords históricos da cidade. A persistencia do calor foi outro dos aspectos máis destacados: entre finais de maio e os primeiros días de xullo, a estación de Ourense superou os 30 graos en 33 dos 45 días analizados por MeteoGalicia, unha frecuencia inédita para un período que incluía aínda parte da primavera.
O calor tamén se deixou sentir con intensidade noutras zonas do interior. Lugo chegou a rexistrar máximas próximas aos 39 graos, mentres que en Monforte de Lemos, na Ribeira Sacra, os termómetros superaron amplamente os 40 graos durante os episodios máis intensos. No sur da provincia de Ourense, comarcas como Valdeorras, Verín ou O Ribeiro volveron situarse entre os puntos máis calorosos de Galicia, con valores superiores aos 40 graos en varias xornadas.
Mesmo as cidades costeiras, tradicionalmente protexidas pola influencia do Atlántico, experimentaron temperaturas pouco habituais. Vigo rexistrou 39,1 graos, a temperatura máis alta medida no século na cidade e, segundo os datos de MeteoGalicia, un dos maiores rexistros desde que existen observacións instrumentais. Santiago de Compostela, Pontevedra e A Coruña tamén superaron con claridade os 30 graos durante as diferentes ondas de calor, confirmando que o fenómeno afectou practicamente a toda a comunidade, aínda que con distinta intensidade segundo a proximidade ao mar.

OS INCENDIOS
O incremento das temperaturas, unido á escaseza de precipitacións e á baixa humidade ambiental, converte o monte nun combustible extremadamente vulnerable.
Durante o mes de xullo, España viviu unha das crises de incendios máis graves dos últimos anos, con miles de hectáreas queimadas e numerosos desaloxos. A situación levou ao Goberno central a declarar a emerxencia de interese nacional polos grandes incendios de Madrid e Ávila, unha medida excepcional que permitiu coordinar recursos estatais ante a magnitude da emerxencia.
Galicia tampouco permaneceu allea. Ao longo do verán rexistráronse numerosos incendios forestais en distintos puntos da comunidade, varios deles na provincia de Lugo, onde as elevadas temperaturas, o vento e a seca favoreceron unha rápida propagación do lume. A Ribeira Sacra, escenario de grandes incendios nos últimos anos, continúa sendo un dos territorios que máis preocupa aos especialistas pola combinación dunha orografía complexa, o abandono do territorio e a elevada carga de combustible vexetal.
Os científicos levan décadas advertindo de que o quecemento global non significa simplemente que “faga máis calor”. O verdadeiro cambio prodúcese na frecuencia, intensidade e duración dos fenómenos meteorolóxicos extremos.
E iso é precisamente o que comeza a observarse en Galicia.
As temperaturas medias aumentan de forma progresiva, as ondas de calor son máis frecuentes, as precipitacións concéntranse en episodios cada vez máis intensos e os períodos secos prolónganse durante máis tempo. Ao mesmo tempo, o mar tamén experimenta un incremento da súa temperatura superficial, un factor que modifica a dinámica atmosférica e afecta aos ecosistemas mariños.
Segundo o Sexto Informe de Avaliación do Panel Intergobernamental sobre Cambio Climático (IPCC), Europa é o continente que máis rapidamente está aumentando a súa temperatura media, duplicando practicamente o ritmo global desde a década de 1980. A rexión mediterránea, na que se inclúe a Península Ibérica, aparece identificada como un dos puntos máis vulnerables do planeta debido á combinación de temperaturas extremas, diminución dos recursos hídricos e incremento do risco de incendios forestais.
No caso galego, organismos como MeteoGalicia e a AEMET constatan que as temperaturas máximas e mínimas presentan unha tendencia ascendente, especialmente durante as últimas décadas. Tamén aumentan as denominadas noites tropicais —aquelas nas que o termómetro non baixa dos 20 graos—, un fenómeno que antes era excepcional en boa parte da comunidade e que agora comeza a ser habitual, especialmente nas zonas costeiras e durante os episodios de calor máis intenso.
CAMBIO CLIMÁTICO
Unha das cuestións máis debatidas arredor do cambio climático é ata que punto a actividade humana é responsable do aumento das temperaturas. Neste aspecto, a comunidade científica mantén un consenso practicamente unánime.
O IPCC conclúe que é inequívoco que a influencia humana quentou a atmosfera, os océanos e a superficie terrestre desde mediados do século XIX. Esa afirmación baséase en miles de estudos científicos revisados por expertos de todo o mundo e constitúe a maior avaliación internacional realizada ata o momento sobre o estado do clima.
As conclusións coinciden coas publicadas pola NASA, a Administración Nacional Oceánica e Atmosférica dos Estados Unidos (NOAA), a Organización Meteorolóxica Mundial (OMM), Copernicus e a propia AEMET.
O principal responsable deste proceso é o incremento da concentración de gases de efecto invernadoiro, especialmente dióxido de carbono (CO₂), metano (CH₄) e óxido nitroso (N₂O), emitidos maioritariamente pola queima de combustibles fósiles, a industria, o transporte, determinadas actividades agrícolas e a deforestación.
O efecto invernadoiro é un proceso natural imprescindible para manter unha temperatura compatible coa vida. O problema xorde cando a concentración destes gases aumenta ata niveis sen precedentes en centos de miles de anos, atrapando unha maior cantidade de calor na atmosfera.
Os rexistros paleoclimáticos e as medicións actuais amosan que a concentración de CO₂ supera xa as 420 partes por millón, un valor descoñecido na historia recente da humanidade.
O ECOLOXISMO GALEGO
As organizacións ecoloxistas levan anos advertindo de que Galicia afronta unha transformación profunda do seu territorio se non se reducen as emisións e non se adapta a xestión do medio natural. ADEGA insiste na necesidade de apostar por unha política forestal baseada na diversidade de especies, na recuperación do mosaico agroforestal e na revitalización do rural como ferramentas fundamentais para reducir o risco de grandes incendios. A entidade leva tempo reclamando unha planificación que priorice a prevención fronte á extinción e que limite a expansión de masas forestais continuas dominadas por especies pirófitas.
Nunha liña, Ecoloxistas en Acción Galicia considera que os episodios de calor extremo e os incendios forestais deixaron de ser situacións excepcionais para converterse nunha nova realidade climática. A organización reclama acelerar a transición enerxética, reducir a dependencia dos combustibles fósiles, protexer os ecosistemas e reforzar as políticas públicas de adaptación. Ambas as entidades coinciden en que a loita contra o cambio climático non depende unicamente das decisións individuais, senón tamén de medidas estruturais relacionadas coa mobilidade, a produción de enerxía, o urbanismo, a ordenación do territorio e a conservación da biodiversidade.
UN RETO PARA A SAÚDE
Segundo o Ministerio de Sanidade e a Organización Mundial da Saúde, as ondas de calor incrementan a mortalidade e as hospitalizacións, especialmente entre persoas maiores, pacientes con enfermidades cardiovasculares ou respiratorias, nenos pequenos e colectivos vulnerables.
Os especialistas lembran tamén que a calor extrema pode afectar á saúde mental, reducir a capacidade de concentración e incrementar o risco de accidentes laborais, polo que insisten na necesidade de adaptar horarios e condicións de traballo durante os episodios máis intensos.
Os datos do sistema de Monitorización da Mortalidade Diaria (MoMo) do Instituto de Saúde Carlos III, indican que en Galicia 88 persoas faleceron durante o mes de xuño por causas relacionadas coas altas temperaturas, mentres que nos catro primeiros días de xullo contabilizáronse outras seis mortes atribuíbles ao calor. En España, 937 falecementos atribuíbles ás altas temperaturas.