Galicia inicia o verán con temperaturas próximas aos 39 graos no interior e noites de calor persistente

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | OurenseXa
En nivel vermello están os concellos do centro e da montaña da provincia de Lugo
tempo-calor
22 Jun 2026

Galicia estreou oficialmente o verán cun intenso episodio de calor que deixou rexistros próximos aos 39 graos en varios puntos do interior da comunidade. A situación coincide co comezo dunha vaga de calor que afectará boa parte da Península ata mediados de semana e que levou á activación de diferentes niveis de alerta en numerosos concellos galegos.

As temperaturas máximas máis elevadas da xornada rexistráronse na cidade de Ourense, onde os termómetros alcanzaron os 38,9 graos durante a tarde, e en Ribas de Sil, na provincia de Lugo, con 38,7 graos. Tamén se superaron os 38 graos en municipios ourensáns como Vilamartín de Valdeorras e Verín, así como en Monforte de Lemos, confirmando a intensidade do episodio de calor nas zonas do interior.

Ademais das máximas, chamou a atención a escasa baixada das temperaturas durante a madrugada. A maior parte das estacións meteorolóxicas rexistraron mínimas por riba dos 14 graos, o que dificultou o alivio térmico durante a noite. O valor máis baixo da comunidade correspondeu a Calvos de Randín, onde se acadaron 11,6 graos a primeira hora da mañá.

Ante esta situación, a Consellería de Sanidade mantén activadas alertas por altas temperaturas en boa parte do territorio galego. Un total de 109 concellos están en nivel vermello debido ao risco que estas condicións poden supoñer para a saúde, especialmente entre as persoas maiores, os menores e os colectivos máis vulnerables. Trátase dos concellos do centro e da montaña da provincia de Lugo.

Outros 55 municipios permanencen en nivel laranxa, o caso do interior da Coruña, sur de Lugo, Ourense (noroeste, Miño, montaña e Valdeorras) e sur de Pontevedra. En nivel amarelo están o norleste da Coruña, A Mariña de Lugo e o sur de Ourense.

As previsións apuntan a que as altas temperaturas continuarán nos próximos días, especialmente nas comarcas do interior, polo que as autoridades recomendan extremar as precaucións, evitar a exposición ao sol nas horas centrais da xornada e manter unha correcta hidratación para reducir os efectos da calor.

0.13135814666748