Galicia únese na Alianza Industrial do Hidróxeno Verde con eixo en Guitiriz

TerraChaXa

Rueda salienta que a Alianza, formada por máis de 700 empresas, institucións e axentes sociais, pretende que esta fonte de enerxía limpa se converta nunha oportunidade estratéxica para a industria produtora, pero tamén para outros sectores como o transporte ou a loxística.

22 dic 2022

Rueda salienta que a Alianza, formada por máis de 700 empresas, institucións e axentes sociais, pretende que esta fonte de enerxía limpa se converta nunha oportunidade estratéxica para a industria produtora, pero tamén para outros sectores como o transporte ou a loxística.

O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, resaltou a importancia da colaboración público-privada para converter a Galicia nun referente internacional do hidróxeno verde. No acto de presentación da Alianza Industrial Galega do Hidróxeno Verde, da que forman parte máis de 700 empresas, institucións e axentes sociais, o titular da Xunta salientou que a iniciativa pretende que esta fonte de enerxía limpa se converta nunha oportunidade estratéxica para a industria produtora, pero tamén para outros sectores como o transporte ou a loxística.

Na presentación, á que Alfonso Rueda asistiu acompañado polo vicepresidente primeiro, Francisco Conde, afondouse nos obxectivos polos que se creou esta Alianza coa que Galicia aspira a liderar a produción de hidróxeno verde. O presidente da Xunta de Galicia fixo fincapé na importancia da colaboración público-privada para afrontar un reto de grandes proporcións, pero tamén unha oportunidade para Galicia, a segunda Comunidade que xera máis enerxía eléctrica a partir de fontes renovables e que ademais conta cunha ampla dispoñibilidade de recursos hídricos.

Ao encontro asistiron representantes das empresas que cobren toda a cadea de valor que integra a Asociación Galega de Hidróxeno (AGH2), así como das universidades galegas, institucións e axentes sociais. Ademais de tentar a produción de hidróxeno verde, a Alianza actuará sobre cinco eixes: deseñar a posta en marcha de ferramentas e instrumentos de apoio específicos para o desenvolvemento do sector industrial do hidróxeno, identificar as oportunidades, promover a formación especializada nas empresas, fomentar a investigación e o desenvolvemento de solucións innovadoras para a industria en torno ao hidróxeno verde e Impulsar a necesidade de establecer a infraestrutura necesaria para a execución do corredor atlántico do hidróxeno co hidroduto Galicia-Norte de Portugal e a conexión de Galicia coa Meseta (Guitiriz-Zamora), e con Europa.

Neste sentido, o presidente da Xunta subliñou que, en plena transformación industrial e nun incerto contexto económico, as empresas precisan máis que nunca “vontade e estabilidade” para levar a cabo os seus proxectos. Alfonso Rueda destacou que o Goberno galego ofrece garantías con medidas como a Lei de simplificación administrativa que permite reducir prazos para a posta en marcha de proxectos estratéxicos, e tamén certezas aprobando en tempo e forma os orzamentos do 2023, os máis altos da historia.

O mandatario galego esixiu ao Goberno central a mesma vontade, algo que puxo en dúbida tendo en conta a demora “sen xustificación” dos fondos europeos, xa que unicamente un 13% dos 33.000 millóns de euros destinados aos Pertes están en execución, e no que respecta ao do hidróxeno, considera insuficiente que a Galicia se lle asignen nas liñas provisionais anunciadas tan só 32 millóns para o impulso de tres proxectos cando a propia Alianza Galega de Hidróxeno conta xa con doce proxectos planificados que sumarían un investimento de máis de 2.500 millóns.

Alfonso Rueda tampouco percibe estabilidade nas actuacións do Goberno central que, ao mesmo tempo que valora as capacidades de Galicia para liderar a transición enerxética, deixa á Comunidade fóra do corredor de hidróxeno. Polo tanto, esixiu ao Executivo central que rectifique e que inclúa a Galicia nunha infraestrutura fundamental para o seu desenvolvemento industrial e económico, coa posta en marcha dun hidroduto que conecte Galicia co norte de Portugal e outro que conecte Galicia con Zamora.