‘Galiza Natura’, o libro que convida a descubrir e protexer as paisaxes máis valiosas de Galicia

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | FerrolXa | OurenseXa
Marcos Reinoso e a ilustradora Eva Piay asinan unha obra divulgativa dirixida a nenos e adultos que percorre espazos naturais emblemáticos e aborda os principais retos para a súa conservación
Galiza-Natura-Marcos-Reinoso-Courel
16 Aug 2026

Jessica Fernández

Coñecer para protexer. Esa é a filosofía que inspira Galiza Natura, o primeiro libro de Marcos Reinoso, un proxecto editorial que propón unha viaxe por algúns dos espazos naturais máis representativos de Galicia ao tempo que achega ao lector conceptos de educación ambiental, biodiversidade e conservación do territorio.

Natural de Vigo pero afincado desde hai anos en Folgoso do Courel, Reinoso compaxina a súa labor como presidente da Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Caurel co desenvolvemento de actividades de interpretación da natureza e divulgación ambiental. Esa experiencia serviulle de base para unha publicación que nace cun marcado carácter didáctico e que conta coas ilustracións de Eva Piay, veciña de Rubián.

O libro, publicado por Savanna Books, xurdiu por iniciativa da propia editorial, que contactou con ambos os creadores para desenvolver un proxecto centrado no patrimonio natural galego. “Parecíame interesante, sobre todo enfocado a nenos entre 7 e 15 anos”, explica Reinoso, aínda que recoñece que a obra está a espertar tamén o interese de lectores adultos, algúns dos cales lle trasladaron que lles fixo cuestionarse aspectos da súa relación coa contorna natural.

Ao longo das súas páxinas, Galiza Natura percorre algúns dos espazos naturais máis representativos e singulares de Galicia. Entre eles figuran o estuario do Miño, as Illas Atlánticas, o complexo dunar de Corrubedo, as Fragas do Eume, Estaca de Bares, a Serra do Xurés, o Xistral, Os Ancares, O Courel, a Serra da Enciña da Lastra, a Ribeira Sacra, a Terra Chá, A Limia, O Invernadoiro, a Serra de Trevinca, o Monte Aloia ou o Karst de Cruzul. A través destes 18 enclaves, o libro achega ao lector a unha ampla variedade de ecosistemas, desde zonas costeiras, rías e humidais ata bosques atlánticos, turbeiras, montañas e espazos de alta biodiversidade, mostrando a riqueza e a diversidade ambiental que caracteriza o territorio galego.

A publicación non se limita a describir estes lugares. A primeira metade do libro está dedicada a descubrir os espazos naturais e as especies que os habitan, mentres que os doce capítulos finais afondan en cuestións relacionadas coa educación ambiental, a conservación e os desafíos aos que se enfrontan estes ecosistemas.

Para elaborar os contidos, Reinoso levou a cabo un importante traballo de documentación apoiándose en diversas fontes especializadas. Entre elas figuran libros, publicacións sobre natureza e materiais da Asociación Galega de Custodia do Territorio, ademais doutras referencias consultadas en función das características de cada espazo descrito.

Un dos obxectivos da obra é axudar aos lectores a interpretar mellor a paisaxe que os rodea. O autor quere que quen percorra estes lugares sexa capaz de distinguir entre un bosque ou un hábitat ben conservado e unha plantación forestal, como pode ser un monocultivo de eucalipto, entendendo que ambos os espazos presentan características ecolóxicas moi diferentes. “É interesante que o lector vexa un hábitat coidado e unha plantación e reflexione”, sinala Reinoso, convencido da importancia de fomentar unha mirada crítica sobre a transformación da paisaxe.

Ao longo do libro tamén se destaca o papel fundamental das comunidades rurais na conservación do territorio. Reinoso reivindica a importancia das poboacións de montaña na configuración da paisaxe galega e lembra que moitas das tradicións e actividades desenvolvidas nestas zonas forman parte da propia identidade dos lugares. Na súa opinión, as persoas que habitan estes espazos son unha peza esencial para comprender e conservar o patrimonio natural.

A obra aborda ademais algunhas das principais ameazas ambientais que afectaron Galicia nas últimas décadas. Entre elas figura o impacto do afundimento do Prestige, que conta cun capítulo específico dedicado aos perigos que chegan polo mar e ás consecuencias das grandes catástrofes ambientais. Tamén teñen protagonismo os incendios forestais, unha problemática especialmente presente en comarcas de montaña como O Courel. “Os que vivimos no Courel sufrimos moito ese tema”, recoñece o autor, que considera que se trata dunha realidade coa que é necesario convivir e á que cómpre adaptarse.

As ilustracións de Eva Piay constitúen outro dos elementos centrais da publicación. Reinoso subliña que a achega da artista foi imprescindible para dar forma ao proxecto e facilitar a comprensión dos contidos. A ilustradora, que xa participou noutros traballos editoriais e desenvolve actividades con nenos, encargouse de representar con detalle os espazos, plantas e animais mencionados ao longo do libro.

A colaboración entre ambos foi constante durante todo o proceso creativo. Mentres Reinoso describía determinadas especies ou elementos da paisaxe, Piay traballaba para plasmalos visualmente con fidelidade. Desde diferentes variedades de narcisos ata aves, mamíferos ou escenas relacionadas cos soutos e os ecosistemas de montaña, texto e ilustracións foron desenvolvéndose de maneira coordinada. “Todo o que eu escribía, ela plasmábao”, destaca o autor.

Esa compenetración converte as ilustracións nun complemento esencial da obra. Lonxe de limitarse a acompañar o texto, permiten identificar especies, comprender mellor os hábitats descritos e achegarse dun xeito máis visual á riqueza natural de Galicia.

A boa acollida que está a recibir Galiza Natura anima a Marcos Reinoso a continuar explorando o ámbito editorial. Aínda que se trata da súa primeira experiencia como escritor, asegura que o proceso resultou moi enriquecedor e non descarta participar en futuros proxectos semellantes. “Dinme que era un libro necesario”, afirma. Unha valoración que reforza a súa vontade de seguir contribuíndo á divulgación e ao coñecemento do patrimonio natural galego a través da literatura.

0.12044715881348