Gandeiros coñecen novas alternativas forraxeiras na Granxa Gayoso Castro

TerraChaXa | LugoXa
Gandeiros da provincia coñecen novas alternativas forraxeiras grazas á colaboración da Deputación e o Campus Terra
xornadas usc altenrativas forraxeiras gayoso castro
xornadas usc altenrativas forraxeiras gayoso castro
9 Nov 2022

O deputado de Recursos Sostibles, Roberto Fernández Rico, participou este martes na inauguración da xornada Novas alternativas forraxeiras para gando vacún de leite que acolleron as instalacións da Granxa Gayoso Castro da Deputación. Un acto de apertura no que tamén participou Elvira López Mosquera, delegada do Reitor para o Campus Terra, e Sonia Verdes Gil, directora da Granxa Gayoso Castro.

Fernández Rico salientou que esta xornada, impulsada pola USC en colaboración coa institución provincial, forma parte da “ampla e continuada liña de colaboración que mantemos a Deputación e a Universidade de Santiago a través do Campus Terra para ofrecer ao tecido produtivo, aos gandeiros e gandeiras desta provincia, coñecementos e ferramentas que axuden a facer máis sostibles e competitivas as súas explotacións. Neste caso, abordando as alternativas forraxeiras para o gando vacún de leite”, afirmou.

Así mesmo, destacou a sensibilidade que deixa patente unha vez máis o Campus Terra ao sentir “como propios os problemas do sector primario e para tratar de buscarlles resposta ou, polo menos, alivio”. Un sentir, afirmou, que cadra co espírito de traballo da Deputación de Lugo porque “ese tamén é o obxectivo que temos na Deputación de Lugo  co proxecto da Granxa Experimental de Leite e coa actividade que mantemos no conxunto da Granxa Gayoso Castro: poñer a formación, a investigación e a innovación ó servizo dos gandeiros e gandeiras da nosa provincia, porque co seu traballo manteñen vivo e ordenado o noso rural. Sen o seu traballo, o rural non ten futuro”, afirmou ante as ducias de persoas asistentes á xornada.

En relación á temática abordada, o Deputado destacou que as forraxes “son un elemento fundamental na cadea de produción do noso sector gandeiro, e por desgracia, dende principios de ano cobraron un especial protagonismo polo encarecemento e o desabastecemento deste alimento derivados da guerra en Ucraína”. Puxo o acento en que “o custe das forraxes incide dun xeito fundamental nos custes finais dos produtos gandeiros, e por iso, hoxe é máis necesario que nunca buscar alternativas sostibles que contribúan á viabilidade e á rendibilidade das explotacións”. Engadiu que as forraxes tamén inciden na calidade final dos produtos e para garantir o benestar animal, “dous eixos de traballo que vimos desenvolvendo na Granxa Gayoso Castro”.

Desexoulle ás persoas participantes que a xornada fose o máis proveitosa posible para as súas explotacións e investigacións porque, dixo, “ese é o obxectivo que guía o noso traballo no día a día da Deputación, ser útiles para o sector”.

Programa

A xornada Novas alternativas forraxeiras para gando vacún de leite contou con expertos vinculados a entidades e a grupos de investigación universitaria arredor desta temática. A primeira das conferencias correu a cargo de Ana Isabel Roca Fernández, do grupo de investigación Agronomía e Ciencia Animal da EPSE-USC, que centrou o seu tempo en falar sobre o emprego de cultivos alternativos ao raigrás italiano en explotacións gandeiras. Logo foi a quenda de Miguel Fernández Labrada, tamén do grupo de investigación Agronomía e Ciencia Animal da EPSE-USC, que puxo o foco nas vantaxes da inclusión de leguminosas nas rotacións e afondou na fertilización e mecanización. O terceiro e último en presentar a súa visión foi Joel Presa, de Fertiprado, que expuxo a importancia das forraxes biodiversas Ricasen Leguminosas  (FRBL).

0.18347597122192