Goá celebra as festas de San Xorxe cunha fin de semana chea de música e tradición

A localidade de Goá, no concello de Cospeito, prepárase para celebrar por todo o alto as súas tradicionais festas na honra a San Xorxe e San Antonio entre o 24 e o 26 de abril. O programa, organizado coa colaboración do Concello de Cospeito e numerosos negocios locais, inclúe música en directo, sesións vermú e actos relixiosos, todo baixo carpa cuberta para garantir a festa independentemente do tempo.
O venres 24, as celebracións comezarán cunha churrascada veciñal amenizada por Punto Clave, a partir das 22.00 horas.
O sábado, as celebracións comezarán ás 13:30 horas cunha sesión vermú amenizada polo Grupo Salsarena, que tamén será protagonista da gran verbena nocturna xunto coa popular orquestra Cinema, que presenta o Tour 2026. Durante a noite sortearanse 300 euros e unha parrilla de churrasco.
O domingo 26, os actos comezarán cunha misa solemne e procesión ás 13:30 horas, seguida dunha nova sesión vermú a cargo do grupo Fénix, que porá o toque festivo ao día grande da parroquia.
As festas contarán cunha carpa cuberta, ofrecendo comodidade e abrigo para todos os asistentes, e reunirá veciños, veciñas e visitantes nun ambiente de celebración e tradición.