Goente convoca para o 11 de outubro a celebración da XVI edición da Feira do Queixo e do Mel

GaliciaXa | TerraChaXa | FerrolXa
A feira reunirá postos de queixo, mel, produtos locais e artesanía e ofrecerá degustacións, obradoiros e actividades para todos os públicos
feira-do-queixo-e-mel-as-pontes
1 Oct 2026

Goente volverá render homenaxe a dous dos produtos máis representativos da gastronomía local coa celebración, o vindeiro domingo 11 de outubro, da XVI Feira do Queixo e do Mel.

A feira abrirá as súas portas ás 10.00 horas, dando paso a unha ampla oferta de postos de mel, queixo, produtos locais e artesanía. Será unha oportunidade para coñecer e adquirir directamente produtos elaborados no territorio e descubrir novas formas de gozar de dous protagonistas indiscutibles da gastronomía do Eume.

A programación combina gastronomía, divulgación e actividades para as familias. Entre as propostas previstas destacan os obradoiros infantís e familiares, que se desenvolverán en horario de mañá e tarde, así como unha degustación de tapas “con mel e queixo”, prevista entre as 12.30 e as 13.30 horas.

Un dos atractivos desta edición será a presenza do Museo de la Sidra de Nava, do Principado de Asturias, como entidade convidada. A súa participación permitirá ampliar o foco da feira cara a outra das grandes expresións da cultura alimentaria do noroeste peninsular: a sidra.

Ás 11.00 horas, o museo ofrecerá unha charla sobre a Cultura Sidreira Asturiana e o seu recoñecemento como Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade pola UNESCO.

A programación do museo incluirá tamén a actividade infantil e familiar “Mayando se entiende la xente”, de 11.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 17.00 horas. A proposta permitirá achegar ás novas xeracións, dun xeito participativo, o mundo da sidra e os traballos tradicionais vinculados á súa elaboración.

As persoas visitantes poderán, ademais, iniciarse na técnica do escanciado a través de catro sesións de talleres, ás 12.00, 12.30, 16.00 e 16.30 horas, con prazas limitadas a 24 persoas por sesión. A programación completarase ás 13.00 horas cunha cata de sidras DOP Sidra de Asturias, reservada para 40 participantes.

A celebración da feira estará precedida polas XXVII Xornadas Apícolas do Eume, que terán lugar os días 9 e 10 de outubro na Casa do Mel de Goente.

Estas xornadas achegarán á programación unha vertente máis especializada e divulgativa, poñendo o foco no mundo da apicultura, o coñecemento do sector e a importancia das abellas e da produción de mel.

A súa celebración reforza a vinculación de Goente coa actividade apícola e co traballo desenvolvido ao longo dos anos desde a Casa do Mel, un dos referentes da divulgación e promoción do sector na comarca do Eume.

Deste xeito, a programación articúlase arredor de tres días dedicados ao mel e aos produtos vinculados ao territorio, cunha primeira parte centrada no ámbito apícola e unha gran xornada festiva e gastronómica o domingo coa Feira do Queixo e do Mel.

PROGRAMA

0.17175006866455