Goiriz celebrará as festas de Santiago Apóstolo e Santa Ana cunha intensa programación musical

A parroquia de Goiriz, no concello de Vilalba, vivirá os días 25 e 26 de xullo as súas tradicionais festas na honra a Santiago Apóstolo e Santa Ana, cun programa no que a música e os actos relixiosos serán os grandes protagonistas.
As celebracións comezarán o sábado, festividade de Santiago Apóstolo, cunha misa solemne ás 13.30 horas seguida da procesión e dunha sesión vermú amenizada pola orquestra Galaxia. Xa pola noite, a verbena contará coa actuación desta mesma formación e da orquestra Players, que porán ritmo á primeira gran noite festiva.
Os festexos continuarán o domingo, día dedicado a Santa Ana. A xornada arrancará tamén cunha misa solemne ás 13.30 horas e a correspondente procesión. A continuación celebrarase unha sesión vermú longa a cargo do grupo Fuxsión Latina, que será o encargado de poñer o broche musical ás festas deste ano.