González Formoso supervisa el final das obras de mellora da rúa Anduriñas das Pontes

O Concello encara a recta final das obras de mellora da pavimentación e dos servizos na Rúa Anduriñas, unha actuación que tamén incluíu o traslado da marquesiña á Rúa Camelias.
O alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, visitou recentemente os traballos para comprobar o avance dunha intervención que supón un investimento de 223.349 euros, financiado con cargo á Deputación da Coruña.
A actuación permitiu a renovación integral da calzada e das beirarrúas deste viario co obxectivo de mellorar a accesibilidade, a seguridade viaria e a calidade urbana da contorna. Para iso, unificouse a cota da rúa e definiuse un único sentido de circulación, habilitando ademais espazo para estacionamento na marxe dereita en sentido da marcha.
As distintas zonas de circulación diferenciáronse mediante o uso de pavimentos específicos, empregándose baldosa de formigón prefabricado nas bandas laterais destinadas ao tránsito peonil e lastras de formigón na calzada central reservada ao tráfico rodado.
O proxecto incluíu tamén a renovación da antiga rede unitaria de saneamento, substituída agora por unha rede separativa de augas residuais e pluviais con colectores de PVC. Do mesmo xeito, renovouse a canalización do alumeado público municipal coa instalación de novas columnas e luminarias LED dispostas a tresbolillo, mellorando así a eficiencia enerxética e a iluminación da zona.
As obras complétanse coa instalación de novo mobiliario urbano, como bancos, papeleiras e xardineiras, así como coa reposición da sinalización viaria correspondente, traballos que se executarán nos vindeiros días antes da finalización definitiva da actuación.
Durante a visita, Valentín González Formoso destacou a importancia desta intervención para seguir avanzando na modernización dos espazos públicos e na mellora dos servizos municipais, ao tempo que agradeceu a colaboración e comprensión da veciñanza polas molestias ocasionadas ao longo da execución das obras.