Gran éxito no reinicio das rutas do GDR no Xeodestino Comarca de Lugo e Terras da Ulloa

Iniciouse con gran éxito en Friol a segunda edición do ciclo de xornadas viaxeiras Descubrindo a Comarca de Lugo e as Terras da Ulloa, que organiza o GDR.
Despois de percorrer no primeiro ciclo dez dos concellos deste xeodestino o ano pasado -cun promedio de 127 participantes por actividade- foi de novo a terra do pan e do queixo a que abriu esta segunda xeira de eventos.
133 persoas de Canadá, Arxentina, Colombia, Marrocos, Portugal, Cataluña, Euskadi, Madrid, Asturias, Vigo, Nigrán, Arcade, Ponteareas, Compostela, Muxía, A Coruña, Foz, Ribadeo, Lugo, Friol e moitas outras procedencias achegáronse para descubrir o patrimonio friolés. Un paseo dende a praza Andón Cebreiro ata a fortaleza de San Paio de Narla, con visita guiada a esta última.
Tralo paseo guiado, os visitantes puideron gozar dos petiscos gratuítos ofrecidos pola food truck Galicia sabe amar da Xunta de Galicia, de diversos menús de produtos locais deseñados polos restaurantes da zona, e dunha visita a unha queixería pola tarde.
A nova cita do ciclo será o 9 de novembro en Guntín. Inscricións en info@comarcadelugo.gal ou no teléfono 982 238 000.