Guitiriz amplía o prazo de presentación de solicitudes para a bolsa de emprego do SAF
O Concello de Guitiriz vén de ampliar o prazo de presentación de solicitudes para a creación dunha bolsa de emprego temporal de auxiliares de Axuda no Fogar mediante concurso de méritos. O Concello estableceu como nova data límite de presentación o 8 de marzo.
O obxectivo desta listaxe é a creación dunha bolsa de emprego temporal de auxiliares para posibles substitucións do persoal contratado por incapacidade laboral, vacacións, acumulación de tarefas, etc.
Esta listaxe terá unha duración de tres anos (2019-2022) e a contratación laboral será de ata un máximo de seis meses. O traballo conssitirá na realización de actividades reflectidas no plan de traballo que se elaborará no departamento de servizo sociais para cada persoa beneficiaria e serán os referidos á atención de carácter persoal, doméstico, atencións de ropua, compra, preparación de alimentos, e outras que así o determinen.
Os traballos realizaranse nos domicilios dos beneficiados deste servizo dentro dos límites municipais.
Por primeira vez non é necesario ter o certificado de profesionalidade de atención sociosanitaria a persoas no domicilio ou equivalente da Xunta, basta co compromiso de obtelo nun determinado prazo.
Ademais, para a selección non haberá examen, realizarase unicamente un concurso de méritos.