Guitiriz abre un prazo extraordinario do programa Concilia Vacacións para cubrir vacantes

O Concello de Guitiriz abriu hoxe, luns, un novo prazo para anotarse ao programa de conciliación familiar para as vacacións de verán, que ten o obxectivo de axudar a conxugar a vida laboral e familiar facendo especial fincapé naquelas familias que estean nunha situación de maior vulnerabilidade.
Esta actividade está dirixida a nenos e nenas nados entre os anos 2014 e 2022, é dicir, toda a educación infantil e primaria. Desenvolverase en catro quendas: a primeira do 1 ao 15 de xullo, a segunda do 16 ao 31 de xullo, a terceira do 1 ao 15 de agosto e a cuarta do 16 ao 31 de agosto, pero o programa só estará habilitado os días laborables.
O prazo para anotarse remataba o 30 de abril pero abriuse unha quenda extraordinaria de dous días debido a que quedaban dúas prazas libres na primeira quenda de agosto e 8 na segunda quenda.
Darase prioridade a aquelas familias nas que os proxenitores estean a traballar e tamén ás familias empadroadas en Guitiriz, ou en situación de especial vulnerabilidade.
O prezo xeral por cada quenda é de 30 euros e o incremento para acudir en horario extraordinario será de 15 euros por quenda, podendo anotarse a todas as que se precisen. Ademais, haberá bonificacións por razóns sociais ou benéficas para familias con ingresos inferiores ao 50% do IPREM ou cando se careza de ingresos.