Guitiriz acolle este sábado o Programa Scratch Day sobre videoxogos

TerraChaXa
Este obradoiro será unha introdución divertida no mundo da programación, pois aprenderase a desenvolver videoxogos coa ferramenta Scratch
scratch-day-guitiriz
20 sep 2024

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñería Técnica en Informática de Galicia (CPETIG), organiza un ano máis o Programa Scratch Day que celebra este ano a súa IX edición. A iniciativa busca derrubar mitos en torno á programación informática e espertar e fomentar vocacións no ámbito STEAM desde idades temperás.

O programa está dirixido á rapazada de entre 7 e 15 anos e desenvolverase entre os meses de setembro e outubro con catro xornadas formativas nas aulas CeMIT de Guitiriz, Tomiño, Celanova e Fisterra. O ciclo rematará o 19 de outubro cunha xornada final no Edificio CINC da Cidade da Cultura, na que tamén terá lugar unha acción formativa específica para profesorado e formadores de centros de ensino.

O obxectivo deste encontro é mostrarlles aos docentes as vantaxes de traballar e ensinar a través deste tipo de tecnoloxía, coa que poden incentivan a creatividade, o emprendemento e a capacidade de resolución de problemas.

Nesta edición os participantes nas xornadas terán que realizar tres videoxogos relacionados con deportes presentes nos Xogos Olímpicos. Nunha primeira fase, realizarase unha introdución aos videoxogos con Scratch e a continuación os asistentes poderán elaborar videoxogos relacionados con deportes olímpicos cos que a posteriori participar nunha competición.

En Guitiriz a formación será este sábado, 21 de setembro, en horario de 10:00 a 13:30 horas, e está relacionado co mundo dos videoxogos. Este obradoiro será unha introdución divertida no mundo da programación, pois aprenderase a desenvolver videoxogos coa ferramenta Scratch. En total realizaranse tres videoxogos relacionados con deportes presentes nos pasados Xogos Olímpicos e irase incrementando a complexidade a medida que se avanza.

0.13164496421814