Guitiriz acolle un obradoiro con motivo do Mes da Ciencia

TerraChaXa
'Con ciencia de muller' terá lugar o vindeiro mércores 4 no soto da Escola Habanera
conciencia-de-muller
27 Oct 2026

A Biblioteca Pública Municipal de Guitiriz conmemora o Mes da Ciencia en Galego coa organización do obradoiro Con ciencia de muller, unha actividade que terá lugar o vindeiro 4 de novembro no soto da Escola Habanera, no marco do programa de dinamización da lectura Ler Conta Moito.

A iniciativa está dirixida ao alumnado de 4º da ESO e Bacharelato do IES Poeta Díaz Castro, que terá a oportunidade de achegarse á ciencia a través do coñecemento de mulleres científicas galegas que destacaron polos seus logros e contribucións nos seus respectivos campos de investigación.

Durante o obradoiro, as persoas participantes realizarán diferentes experimentos e descubrirán as traxectorias de grandes científicas galegas, coñecendo o seu labor e a importancia das súas achegas ao avance do coñecemento e ao progreso da humanidade.

Con esta proposta, a Biblioteca Pública Municipal súmase á conmemoración do Mes da Ciencia en Galego, promovendo o interese pola investigación científica, visibilizando o papel das mulleres na ciencia e achegando a mocidade a referentes femininos do ámbito científico.

A actividade será pechada ao público xeral e estará destinada exclusivamente ao alumnado participante do IES Poeta Díaz Castro.

0.1247239112854