Guitiriz acollerá en xuño obradoiros sobre o uso de medicamentos e tratamento de úlceras
O Concello de Guitiriz acollerá, no próximo mes de xuño, dous obradoiros de Uso axeitado de medicamentos e Hixiene, prevención e eliminación de úlceras, que forman parte da Escola Galega de Saúde Para Cidadáns.
Levaranse a cabo na Casa Habanera, sempre ás 17 horas.
O primeiro será o de Uso axeitado de medicamentos (martes 13 de xuño), orientado a saber como actúan os medicamentos, as súas contraindicacións, a automedicación, os antibióticos... e o de Hixiene, prevención e eliminación de úlceras (martes 27 de xuño), no que se falará do coidado da pel e dos pés, as úlceras por presión, mobilización do/a dependente, tipos de incontinencia, fortalecemento do solo pélvico, etc.
As inscricións deben formalizarse neste enlace antes da data do curso. As persoas interesadas en participar poden solicitar axuda para inscribirse no departamento de Servizos Sociais do Concello.