Guitiriz acollerá unha charla sobre o eclipse previsto do mes de agosto

O Concello de Guitiriz acollerá a conferencia titulada Galicia, porta de entrada da eclipse solar 2026, que será impartida polo catedrático Jorge Mira o vindeiro venres 24 de abril ás 20:00 horas na Escola Habanera. A entrada será libre ata completar aforo.
A charla abordará un dos acontecementos astronómicos máis relevantes das próximas décadas: a eclipse total de sol do 12 de agosto de 2026, a primeira do século XXI visible en Europa. Trátase dun fenómeno excepcional que, tras a eclipse prevista para 2027 no sur da Península Ibérica, non volverá repetirse en territorio da Unión Europea máis que en tres ocasións ao longo de todo o século.
Durante a conferencia, Jorge Mira explicará que é unha eclipse solar, que coñecementos se obtiveron historicamente a través do seu estudo e cales serán as circunstancias específicas deste evento, que converterá Galicia nun punto estratéxico ao ser atravesada pola franxa de totalidade nun eixo noroeste-sueste. Este feito prevese que provoque importantes desprazamentos de poboación e unha notable afluencia de visitantes.
Jorge Mira Pérez é catedrático de electromagnetismo no Departamento de Física Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela. A súa traxectoria investigadora abrangue múltiples áreas, desde a ciencia de materiais ata a física matemática, pasando pola medicina, a xeografía ou diversas enxeñarías. Ten colaborado con figuras de prestixio internacional e participou en iniciativas científicas e institucionais de alto nivel.