Guitiriz acollerá unha festa remember o venres con música, vermú e actividades para toda a familia

A Praza da Vila de Guitiriz converterase este venres no escenario dunha festa remember pensada para reunir a persoas de todas as idades baixo o lema "A música que une xeracións". A cita comezará a partir das 13.30 horas cunha proposta que combinará música, lecer e gastronomía nun ambiente festivo e familiar.
O evento contará coa participación dos DJ Kiko Ron e Quimbine, encargados de poñer banda sonora a unha xornada na que haberá vermú tardeo, baile, petiscos e bebidas, ademais dunha selección de temas e éxitos musicais para lembrar grandes clásicos.
A organización tamén instalará colchonetas de auga gratuítas para o público máis novo, co obxectivo de ofrecer unha alternativa de diversión para toda a familia. A festa pretende converterse nun punto de encontro para compartir recordos, reencontros e unha xornada de convivencia na que a música será a principal protagonista.