Guitiriz acolleu unha delegación da campaña de control de velocidade da DGT

TerraChaXa
Ao longo desta semana os axentes do subsector da Garda Civil realizan controis de velocidade en distintos puntos da provincia debido á baixa percepción da velocidade como factor de risco
campana-trafico-guitiriz
A subdelegada durante a campaña de hoxe en Guitiriz
19 Xul 2024

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, supervisou hoxe acompañada do xefe provincial de Tráfico, Alberto Rodríguez, e membros do subsector da Garda Civil, a evolución da campaña de control de velocidade centrada en estradas convencionais e vías urbanas despregada ao longo desta semana, e que finalizará o domingo 21 de xullo. A iniciativa, que forma parte da programación anual da DGT, ten como obxectivo conseguir unha redución da velocidade media e concienciar sobre o risco da velocidade inadecuada nos accidentes de tráfico.

A subdelegada desprazouse ata Guitiriz e valorou sobre o terreo “este reforzo nos controis, para que a xente perciba a velocidade como un factor de risco, pois está presente nun 23 % dos accidentes mortais”, explicou. Segundo datos da Dirección Xeral de Tráfico, o 60 % dos condutores recoñece circular por enriba dos límites de velocidade en estradas convencionais, case o 50 % en zonas urbanas, e máis do 60 % recoñece que circula a máis velocidade que a permitida en autovías e autopistas.

A campaña de vixilancia e control pretende chamar a atención dos condutores sobre a incompatibilidade da alta velocidade coa condución, “tal e como xa está asumido no caso do uso do cinto ou o casco, ou o consumo de alcol”, afirmou a subdelegada. Tal e como indican desde a DGT, falta concienciación sobre a repercusión e as consecuencias da condución inadecuada, singularmente en caso de atropelo.

Isabel Rodríguez agradeceu o traballo dos axentes de tráfico nesta campaña, “reforzando os controis nos tramos máis perigosos e garantindo a seguridade viaria de todos os usuarios das estradas”. Determinou que “os excesos de velocidade teñen un impacto directo tanto no aumento do risco do sinistro durante a condución, como no aumento da severidade das lesións das persoas accidentadas”.

Campaña ASPAYM

Un grupo de persoas de ASPAYM Lugo tamén estivo presente neste lugar, presentando a campaña No corras, no bebas, no cambies de ruedas, que poñen en marcha en colaboración coa Dirección Xeral de Tráfico, Garda Civil e as Subdelegacións do Goberno. A iniciativa ten como elemento fundamental a participación activa de voluntarios, persoas con lesión medular vítimas dun accidente de tráfico, acompañando ocasionalmente aos axentes de tráfico encargados de realizar os controis.

O voluntario de ASPAYM achégase ao vehículo retido, trasladándolle a mensaxe común da campaña e demostrando ao mesmo tempo, coa súa presenza, as consecuencias e secuelas irreversibles dos actos imprudentes.

0.1172149181366