Guitiriz aumenta o seu orzamento ata os 6,2 millóns de euros para 2027

TerraChaXa
Contempla a xestión directa de boa parte dos servizos municipais, partidas destinadas á atención social e investimentos en infraestruturas e servizos para as persoas maiores
pleno-presupuestos-guitiriz
12 Nov 2026

O Concello de Guitiriz aprobou en sesión plenaria o orzamento municipal para o exercicio 2027, que ascende a 6.200.426,91 euros, o que representa un incremento de 363.561,80 euros respecto ás últimas contas aprobadas para 2026. A aprobación contou cos votos favorables do PSOE e cos votos en contra do PP e do BNG.

Trátase dun orzamento equilibrado entre ingresos e gastos, que recolle as previsións económicas para o funcionamento dos servizos municipais, a atención ás persoas e as actuacións previstas en materia de infraestruturas no municipio.

A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, sinala que “este orzamento recolle os recursos necesarios para atender o funcionamento do Concello e dar cobertura aos servizos municipais, tendo en conta as necesidades da veciñanza e as características do noso municipio”.

Morandeira explica que “as contas para 2027 teñen en consideración o incremento dos custos dos servizos e das subministracións, así como a importancia de manter a prestación directa de boa parte dos servizos municipais, que se realizan con persoal e medios propios do Concello”.

A alcaldesa destaca tamén que “a atención ás persoas maiores e aos colectivos que precisan un maior apoio require ter en conta a realidade de Guitiriz, un municipio cunha importante dispersión xeográfica, onde é necesario que os servizos sociais poidan dar resposta ás necesidades da veciñanza en todo o territorio municipal”.

Investimentos

No apartado dos investimentos, destacan varias actuacións estratéxicas para o municipio. Entre elas, a renovación do colector paralelo á vía do ferrocarril, que contará cunha achega municipal de 111.449,36 euros en 2027; a mellora do acceso a Cabana e A Raposeira, cunha dotación de 86.669,55 euros para este exercicio; e a achega de 75.000 euros ás obras do Centro de Atención a Persoas Maiores.

As operacións correntes ascenden a 5.841.808 euros, o que representa o 94,22 % do total do orzamento de gastos. Destaca especialmente o capítulo de persoal, que conta cunha dotación de 3.148.708 euros, o 50,78 % do total de gastos.

Este peso responde á prestación directa de numerosos servizos, entre eles os sociais, a limpeza, o mantemento das vías e dos espazos públicos e a xestión de infraestruturas municipais. O obxectivo é garantir a continuidade e a calidade destes servizos a través dun modelo de xestión próximo á cidadanía.

Pola súa banda, os gastos en bens correntes e servizos sitúanse en 2.564.500 euros, cun incremento de 131.050 euros respecto ao exercicio anterior, motivado principalmente pola actualización dos prezos das subministracións, como o gasóleo, e das tarifas dos servizos prestados por empresas externas.

Atención social, apoio ás persoas maiores e control do gasto

O orzamento de 2027 mantén entre os seus principais eixes o escudo social e a atención ás persoas. Neste sentido, recolle recursos para subvencións, axudas de emerxencia social, bolsas de formación, apoio ao transporte e programas de atención á veciñanza, como Xantar na Casa.

O goberno municipal pon o foco especialmente nas persoas maiores, nun contexto no que a dispersión territorial de Guitiriz e o aumento de persoas que viven soas fan necesario reforzar os mecanismos de acompañamento e atención. Esta prioridade tamén se reflicte na achega prevista para a construción do Centro de Atención a Persoas Maiores.

O proxecto de orzamento incorpora tamén un criterio de austeridade e control do gasto corrente, coa intención de optimizar os recursos dispoñibles e destinalos ás necesidades prioritarias do municipio.

No tanto do capítulo de transferencias correntes, prevese unha dotación de 89.100 euros, que inclúe subvencións nominativas, premios, axudas ao transporte, bolsas de formación, axudas de emerxencia social e o programa Xantar na Casa. Ademais, establécese un fondo de continxencia de 20.000 euros para facer fronte a posibles gastos inaplazables ou imprevistos.

0.15691018104553